Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mercado laboral suma 223.685 afiliados en abril e rompe a barreira dos 22,1 millóns

O mercado laboral suma 223.685 afiliados en abril e rompe a barreira dos 22,1 millóns

O paro baixou en 62.668 persoas e deixa a cifra total por baixo dos 2,4 millóns por primeira vez desde xuño de 2008

En Galicia o desempregado reduciuse un 2,07 % e o número de afiliados supera o millón cen mil

Arquivo Arquivo
G24.gal 05/05/2026 09:04

O mercado laboral sumou en abril 223.685 afiliados de media, ata superar a barreira dos 22,1 millóns por primeira vez, animado pola hostalería, que sumou 111.335 ocupados co empuxe da Semana Santa.

Segundo os datos facilitados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, trátase do terceiro maior aumento dun mes de abril desde que hai rexistros e leva o emprego a unha nova marca.

En canto ao desemprego, o Ministerio de Traballo informa de que o paro rexistrado baixou en 62.668 persoas en abril ata deixar o total en 2.357.044. A cifra sitúase por baixo dos 2,4 millóns por primeira vez desde xuño de 2008. 

Máis emprego entre as mulleres e no sector servizos

Por sectores, o número de desempregados recortouse especialmente no sector servizos, con 46.156 persoas menos, seguido a moita distancia pola industria, a construción e a agricultura. Tamén se reduciu o paro entre aqueles que non traballaran con anterioridade, con 6.957 persoas menos.

O desemprego feminino situouse en 1.424.426 mulleres, a cifra máis baixa desde setembro de 2008, ao caer en 34.146, mentres que o masculino se recortou a 932.618, ao descender en 28.522 persoas.

O desemprego xuvenil marcou o seu mínimo histórico, ao baixar por primeira vez da barreira das 170.000 persoas, cun total de 169.693, tras baixar en 19.284 persoas respecto ao mes anterior.

O número total de contratos rexistrados durante o mes de abril foi de 1.258.296, dos que 543.543 foron de carácter indefinido (o 43,2 % do total).

Se falamos de afiliacións á Seguridade Social, a evolución avanzou máis entre as mulleres, con 116.550 afiliadas máis, ata os 10,48 millóns, mentres que entre os homes sumaron 107.134 afiliados, ata os 11,61 millóns.

Aínda que o groso do emprego se creou na hostalería en abril, avanzaron practicamente todos os sectores con actividades administrativas e comercio e sumaron máis de 13.000 afiliados cada un.

Tamén subiu de forma considerable o emprego no transporte e almacenamento. 

"Batemos marca mes tras mes, rompemos a barreira dos 22 millóns de afiliados, hai máis de 10,4 millóns de mulleres, máis de 3,4 millóns de autónomos e a todo iso únese que o emprego creado é de maior calidade", destacou nunha nota a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións Elma Saiz.

Cento doce mil desempregados e máis de un millón cen mil afiliados en Galicia 

En Galicia o paro baixou en abril un 2,07 % ata situarse nos 112.293 desempregados, 2.377 persoas menos que o mes anterior. Mentres, o número de afiliados alcanzou o 1.103.820, un 0,72 % máis (7.944 persoas) que en marzo.

Os datos divulgados este martes polos ministerios de Traballo e Economía Social e de Inclusión, Seguridade Social e Migracións reflicten que, en comparación con abril de 2025, o número de parados descendeu un 2,81 %, con 3.252 desempregados menos, e o de afiliados incrementouse en 16.386 persoas (1,51 % máis).

O conxunto de España sumou en abril 223.685 afiliados de media ata superar a barreira dos 22,1 millóns por primeira vez, animado pola hostalería co tirón da Semana Santa, mentres que o paro rexistrado baixou en 62.668 persoas ata situarse por baixo dos 2,4 millóns por primeira vez desde xuño de 2008. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos