Ducias de senegaleses renovan o seu pasaporte na Coruña nunha 'embaixada efémera'
É o documento esencial para poder regularizar definitivamente a súa situación en España
Aforran a viaxe a Madrid grazas á delegación itinerante instalada durante 48 horas no centro da cidade herculina
Ducias de senegaleses agardaban este luns ás portas do lugar habilitado como delegación diplomática itinerante do seu país en pleno centro da Coruña. Veñen desde distintos lugares de Galicia, Asturias e Castela e León. Aforran a viaxe a Madrid para renovar o pasaporte e poñer ao día a súa documentación.
"Perdo menos tempo e aforro os cartos", contounos un inmigrante. "Veño de Camariñas porque necesito renovar o pasaporte", recoñecía unha muller. "É unha oportunidade de actualizar a nosa documentación", dixo outro senegalés chegado desde Foz.
Moitos non queren falar. Algúns aseguran que porque son menores de idade. Os que non se agochan ante a cámara levan xa moito tempo entre nós e dispoñen do permiso de residencia.
"Levo en España desde 2007, traballei no mar e no campo", recoñecía un dos senegaleses que hoxe estaba na Coruña. "Vin coa miña filla, con papeis legais", aseguraba outra inmigrante. "Traballo como soldador desde decembro de 2024", apuntaba outro
Con todo, o pasaporte é o documento esencial para poder regularizar definitivamente a súa situación en España. A regularización extraordinaria de centos de miles de inmigrantes foi anunciada polo Goberno a finais do mes de xaneiro, pero aínda non ten data.