Publicador de contidos

Publicador de contidos

A campaña da renda comeza o 8 de abril: estas son as novidades principais

A campaña da renda comeza o 8 de abril: estas son as novidades principais

Estréanse nesta edición unha dedución para as rendas do traballo inferiores a 18.276 euros e un tipo máis alto para as rendas do aforro superiores a 300.000 euros

As axudas relacionadas cos incendios forestais quedan exentas e baixa o tipo nos rendementos de actividades artísticas realizadas de xeito excepcional

Por primeira vez, o sistema detectará información relevante sobre ascendentes ou descendentes

G24.gal 06/04/2026 12:18

A campaña da renda de 2025 comeza o mércores 8 de abril con novidades como unha dedución para as rendas do traballo inferiores a 18.276 euros e un tipo máis alto para as rendas do aforro superiores a 300.000 euros.

A presentación da declaración do IRPF é obrigatoria para todos os contribuíntes con rendas do traballo superiores a 22.000 euros se proceden dun único pagador ou de 15.876 euros se proceden de dous ou máis pagadores.

Tamén terán que presentar a súa liquidación quen estivese dados de alta como autónomos ao longo de 2025 e quen percibise o ingreso mínimo vital -a pesar de que está exento-, pero non quen cobrase a prestación por desemprego, que só están obrigados se superan os limiares de renda.

Dedución para rendas baixas

Entre as novidades desta campaña figura unha dedución para as rendas do traballo inferiores a 18.276 euros, que ascenderá a 340 euros para quen perciba, como máximo, os 16.576 euros do salario mínimo interprofesional (SMI) de 2025, que quedará así exento de tributación.

Os contribuíntes con rendas do traballo que se sitúen entre o salario mínimo e 18.276 euros tamén poderán aplicarse a dedución, por unha contía que decrece a medida que aumenta a renda.

Outra novidade é unha subida do tipo que se aplica ás rendas do aforro superiores a 300.000 euros, que pasa do 28 % ao 30 %, xunto cunha exención para as axudas relacionadas cos incendios forestais e unha redución nos rendementos de actividades artísticas realizadas de xeito excepcional.

Así mesmo, seguen vixentes as deducións por compra de vehículo eléctrico, mellora da eficiencia enerxética dos edificios, achegas a plans de pensións, investimento en vivenda habitual adquirida antes de 2013 ou donativos a entidades sen ánimo de lucro.

Nesta campaña haberá novos apartados para regularizar as cotizacións de autónomos en estimación directa, desagregar os módulos do sector agrícola ou detallar as ganancias patrimoniais por premios (en función de se teñen fins publicitarios ou non).

Outra das novidades relevantes ten que ver co sistema de avisos que afecta as liquidacións nas que se relacionen ascendentes ou descendentes con rendas entre 1.800 e 8.000 euros. Por primeira vez, nesta campaña, o sistema identificará se están ou non obrigados a declarar, mellora que pretende evitar liquidacións posteriores por erros cometidos ou a presentación de autoliquidacións rectificativas para emendalos. Ademais, o propio programa calcula o rendemento mínimo de arrendamentos a familiares, algo que ata o de agora era responsabilidade do contribuínte.

A campaña péchase o 30 de xuño

A campaña comeza este mércores para a presentación de declaracións por Internet, xa sexa a través do programa Renta Web ou da aplicación móbil da Axencia Tributaria. Tamén estará habilitado o servizo de Renda Directa para casos nos que non sexa necesario modificar o borrador.

Os contribuíntes que opten por presentar a liquidación por teléfono, a través do programa Chamámolo, poderán facelo a partir do 6 de maio; mentres que quen queira entregala presencialmente en oficinas terán que esperar ata o 1 de xuño.

O prazo de presentación das declaracións finaliza en todos os casos o 30 de xuño, salvo para aquelas cuxo resultado sexa a ingresar e queiran domiciliala, que terán que estar entregadas o 25 de xuño.

Os contribuíntes cuxa declaración teña resultado a ingresar, que desde 2024 se pode abonar tamén por tarxeta ou Bizum, poden solicitar o pago fraccionado, polo que se abona un 60 % no momento de presentar a liquidación e o 40 % restante, ata o 5 de novembro. 

Devolveu 13.094 millóns a 15,6 millóns de contribuíntes en 2025

De acordo cos últimos datos publicados pola Axencia Tributaria no principio do ano, na campaña da renda correspondente ao ano 2024 devolvéronse 13.094 millóns de euros a 15.611.000 contribuíntes, de tal forma que, ao 30 de decembro, efectuárase o 97,5 % das devolucións solicitadas en número e aboouse o 95,5 % dos importes solicitados.

A peche de ano presentáranse 24.720.000 declaracións, un 2,4 % máis que o ano anterior nas mesmas datas, das cales un 65 %, 16 millóns, tiveron un resultado para devolver. No marco da campaña, presentáronse máis de 47.000 declaracións rectificativas de contribuíntes que modificaron a súa declaración a partir da carta remitida pola Axencia, evitando así unha posible comprobación posterior, a xeración de intereses e a eventual imposición de sancións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade