Un atacante morto e dous feridos nun tiroteo ante o consulado israelí en Istambul
Tres atacantes armados intentaron entrar no edificio e iniciaron un tiroteo cando vixilantes de seguridade e policías na entrada lle deron o alto
O Goberno turco confirma que dous policías resultaron feridos
REUTERS/Murad Sezer
Un atacante morreu e dous resultaron feridos durante un tiroteo ante o edificio que alberga o consulado de Israel en Istambul, segundo informou o Goberno turco.
"Eran tres atacantes. Un morreu e dous quedaron feridos e detidos", dixo o gobernador de Istambul, Davut Gül, que sinalou que ían provistos de armas longas. O gobernador confirmou tamén que dous policías resultaron feridos.
O suceso tivo lugar pouco antes das 12:40, hora local, no distrito céntrico de Levent ante o edificio en cuxo sétimo piso está a oficina diplomática israelí, que desde hai dous anos e medio está "sen actividade", segundo confirmou Gül.
Israel retirara todo o seu persoal diplomático de Turquía por motivos de seguridade a finais de outubro de 2023, despois de que o Goberno turco criticase duramente a súa ofensiva en Gaza.
Os tres atacantes chegaron nun coche de alugueiro desde Izmit, unha cidade situada a uns 80 quilómetros de Istambul, informou o ministro do Interior de Turquía, Mustafa Çiftçi, nunha mensaxe na rede social X.
O ministro informou que se identificou aos atacantes e que un deles tiña relación cunha organización relixiosa radical. "Dous eran irmáns e un tiña antecedentes por drogas", escribiu o ministro.
Segundo a cadea turca NTV, esa organización sería parte da rede do grupo islamita Estado Islámico (EI ou Daesh) en Turquía.
Segundo reconstrúe a prensa, os tres atacantes, armados con fusís de asalto, intentaron entrar no edificio e iniciaron un tiroteo cando vixiantes de seguridade e policías, de servizo ante a entrada do edificio, déronlles o alto.O Goberno turco abriu unha investigación xudicial para esclarecer os motivos do ataque.
En Turquía hai frecuentes manifestacións contra a política de Israel en Gaza e Cisxordania e contra o seu papel na guerra con Irán. Ao mesmo tempo, a policía mantén elevadas medidas de seguridade tanto ao redor de locais diplomáticos israelís como de centros relixiosos ou culturais da comunidade xudía de Turquía.
O Goberno turco abriu unha investigación xudicial para esclarecer os motivos do ataque.