A Coruña empeza a aplicar a taxa turística este luns; Santiago arrinca o mércores
Os cruceiristas estarán exentos deste imposto ata 2026
A taxa turística en Santiago está actualmente xudicializada

O Concello da Coruña empeza a aplicar a taxa turística, de entre 1 e 2,5 euros, a partir deste luns 29 de setembro. Os establecementos aboarán a taxa a través dunha plataforma dixital mediante dúas autoliquidacións anuais: entre o 1 e o 20 de xullo aboaranse as taxas correspondentes ao primeiro semestre, e entre o 1 e o 20 de xaneiro, as correspondentes ao segundo semestre do ano anterior.
A taxa turística será de 2,5 euros en hoteis de 5 ou 4 estrelas superior, mentres que será de 2 euros en hoteis de 4, 3 e 2 estrelas superior e en vivendas de uso turístico. Os hoteis de 2 estrelas e as embarcacións de cruceiro terán unha cota de 1,5 euros e as vivendas turísticas, de 1 euro. Hai varios supostos de cota cero, é dicir, que non pagarán a taxa: persoas que asistan a congresos ou actividades formativas, menores de idade, persoas hospitalizadas e os seus acompañantes, deportistas federados en competición oficial, persoas cunha discapacidade superior ao 65% e participantes en programas sociais de acollida ou emerxencia.
No caso dos cruceiros, estarán exentos da taxa ata o ano 2026. As persoas susceptibles de solicitar estas exencións poderán facelo directamente no establecemento hostaleiro no que se aloxen, cubrindo un formulario específico que o Concello distribuirá entre as asociacións e agrupacións do sector na Coruña.
Santiago vaina aplicar desde o 1 de outubro
En Santiago, cunhas condicións similares, a taxa prevé instaurarse o vindeiro mércores día 1 de outubro, despois de que o Concello cedera ás demandas do sector, que se opoñía á súa implantación na tempada estival.
Segundo a norma proposta, o imposto aplicarase a cada noite que os visitantes pasen nun aloxamento turístico -aínda que limitada a cinco pernoctas- de forma que xa non haberá recarga a partir da sexta xornada. O imposto só gravará as pernoctas turísticas, xa que estarán exentas deste gravame as estancias por motivos de saúde, por competicións deportivas oficiais, por causas de forza maior, e tamén o estarán os menores de idade, as persoas cun grao de discapacidade superior ao 65%, e aquelas que se aloxen en albergues xuvenís ou do Plan Xacobeo.
En todo caso, a taxa turística en Santiago de Compostela está actualmente xudicializada tras o recurso contencioso-administrativo presentado pola Unión Hostaleira, que pedía como medida cautelar a suspensión da posta en marcha deste imposto.