Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector do turismo cifra entre un 50 e un 60 % a ocupación en Semana Santa

O sector do turismo cifra entre un 50 e un 60 % a ocupación en Semana Santa

O secretario do Clúster de Turismo de Galicia sinala que a borrasca Nelson provocou "moitas cancelacións" de última hora de cara aos días principais

César Sánchez Ballesteros espera que a temporada do verán sexa unha das mellores da historia e que se superen as cifras de negocio de 2023

G24.gal 01/04/2024 10:07

O presidente de Hostalería de Pontevedra e secretario do Clúster de Turismo de Galicia, César Sánchez Ballesteros, cifra "entre un 50 e un 60 por cento" a ocupación media en Semana Santa e lamenta que o mal tempo pasase factura nos días principais das celebracións. Neste senso, comenta que a borrasca Nelson "causou moitas cancelacións, sobre todo nas mellores datas ou as teoricamente de maior ocupación, que ían ser Xoves Santo, venres e sábado. Evidentemente, tivo un resultado bastante negativo paras as previsións que tiñamos".

En concreto, o secretario do Clúster de Turismo de Galicia di que "se reduciu [a ocupación] preto dun 20 por cento de media e as ocupacións van estar entre un 50 e un 60 por cento para toda a Semana Santa cando había perspectivas de poder alcanzar cifras bastante superiores". "É un dato negativo con respecto a outros anos, pero non sempre chove a gusto de todos", indica.

De cara á temporada do verán, César Sánchez Ballesteros salienta que "esperamos que a temporada estival sexa unha das mellores que tivésemos. Esperamos unhas cifras récord e esperemos que así sexa. De todos os xeitos, sempre coa prudencia que a nós nos gusta ter, seriamos bastante optimistas en que si podemos superar os datos do ano pasado, que xa foron bastante bos".

Non obstante, considera que as rutas áreas que ten Galicia "realmente son insuficientes". Cre que "necesitamos con urxencia que tanto A Coruña coma Vigo teñan conexións directas cos grandes aeroportos. O máis natural sería que A Coruña tivese un hub con Heathrow, co aeroporto de Londres, e que Vigo tivese un hub cunha conexión co aeroporto de París-Charles de Gaulle. Non con outros pequenos aeroportos que non serven para facer conexións internacionais".

Para corroborar iso César Sánchez Ballesteros por un exemplo. "Para que a xente nos entenda, unha persoa de Washington cando quere coller un avión para vir a Santiago vai necesitar facer unha reserva de avión e, se ten conexión con estes hubs que estabamos falando antes, con estas grandes conexións de aeroportos europeos, vai poder enlazar diferentes opcións de voo, pero nun só billete vai reservar todo e é probable que poida realizar a súa viaxe sen necesitar voos soltos que non lle garanten chegar ao destino. Isto é moi importante para un cliente á hora de viaxar, dar por sentado que vas ter estas conexións". "Ese sería o outro salto porque agora todo pasa por Madrid e Barcelona, e iso fai que incrementen os custos e o tempo de voo, e iso motiva que teñamos unha competencia inferior con respecto a outros destinos en que resulta moito máis cómodo chegar no mesmo día e con apenas un ou dous voos", di.

Como posible solución apunta que "unha delas sería a necesidade de deixar aos empresarios que organicemos case os aeroportos porque temos tres. Desde hai moitos anos temos autobuses para ir desde Vigo ata o aeroporto do Porto que pon o propio aeroporto do Porto e que agora mesmo ten un custo moi reducido e resulta que en Vigo non temos autobús para ir ao aeroporto de Vigo. Temos que ir en taxi. As conexións aeroportuarias entre elas [en Galicia] son inexistentes. Se alguén da Coruña quere ir a Santiago ou alguén de Vigo quere ir a Santiago ten que buscarse a vida. Estamos moi mal comunicados entre nós e é moi caro".

Sobre a competencia das vivendas turísticas con respecto á oferta hoteleira, César Sánchez Ballesteros explica que "son clientes complementarios que moitas veces non son competencia entre eles, pero o certo é que as vivendas de uso turístico están crecendo a un nivel excepcional".

Considera que unha das solucións para conter ese crecemento é modificar a Lei de arrendamento urbano, "que está empuxando os propietarios dos pisos baleiros a vivendas de uso turístico, entre outras cousas, porque en caso de impago na modalidade de arrendamento urbano pódese alongar o proceso de desafiuzamento do inquilino case un ano sen cobrar e non podes cobrar os servizos de luz, gas e auga. Isto fai que encareza o alugueiro e está cambiando a fisionomía das cidades como Santiago, Vigo ou A Coruña, onde as vivendas de uso turístico se disparan e existe cada vez unha maior cantidade de vivendas turísticas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade