Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector do transporte de mercadorías denuncia longos atrasos nas xestións nas Xefaturas de Tráfico

O sector do transporte de mercadorías denuncia longos atrasos nas xestións nas Xefaturas de Tráfico

Aseguran que trámites que deberían levar poucos días están a tardar semanas

Desde FEGATRAMER denuncian que ter un camión parado lles está a custar uns 600 euros ao día

 

G24.gal 17/08/2024 14:23

O sector do transporte de mercadorías de Galicia reclama que se adopten medidas urxentes para normalizar o funcionamento que está a ser, segundo din, "lento e ineficaz" cando realizan algunha tramitación telemática nas xefaturas de Tráfico durante o verán. 

As xestións administrativas, transferencias e matriculacións, segundo din, atrásanse obrigando a estas empresas a ter que esperar semanas para poder circular cun vehículo xa adquirido.

"Hai permisos temporais, hai importacións de vehículos que veñen do estranxeiro que hai que matricular aquí. Todos son trámites que poden tardar entre un e tres días, non poden tardar entre tres e catro semanas como está a pasar moitas veces", dixo Ramón Alonso, presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías.

Segundo denuncian, esta situación estalles a causar importantes perdas económicas.

"Podemos calcular entre 500 e 700 euros diarios ter un vehículo parado. Se temos tres ou catro semanas un trámite pendente e ese camión non pode circular pois xa me dirán a cantidade de cartos que se perde", destacou. 

Reclaman que a Dirección Xeral de Tráfico tome medidas ante a falta de persoal e non descartan accións legais para reclamar os danos ocasionados. 

"Consideramos que ten que tomar medidas a DXT e senón teremos que chegar aos tribunais e pedir indemnizacións, porque o que non pode ser é que unha empresa estea paralizada por culpa dunha burocracia que non funciona", engadiu.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar