Publicador de contidos

A hostalaría agarda que a reedición do Bono Turístico da Xunta sexa un éxito

A hostalaría agarda que a reedición do Bono Turístico da Xunta sexa un éxito

O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Galicia, Cheché Real, salienta que os descontos axudan ó sector nos meses de temporada baixa

Prevé un encarecemento dos prezos dos produtos e servizos da hostalaría para facer fronte as subas de alimentos e materiais

G24.gal 22/09/2023 10:09

O presidente da Confederación de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Galicia, Cheché Real, amósase satisfeito pola aprobación dunha nova edición do Bono Turístico da Xunta. Unha iniciativa coa que se busca incentivar o turismo interno fóra da temporada alta entre a poboación galega.

"Esperamos que esta terceira reedición deste programa, que se fai por parte da Xunta de Galicia, estimule as ganas de viaxar, de saír desa xente que habita en Galicia, que se mova polo noso territorio en épocas baixas, como o outono, onde parece que o turismo decae", apuntaba. 

Real di que o sector da hostalaría está a detectar un "certo miramento á hora de gastar". Vaticina que esa contención do gasto será maior nos próximos meses e a partir do ano que vén. 

"O sector aínda non aplicou ao 100 %, nas súas cartas, as subas que tivemos e que foron moitísimas dunha orde de entre o 20 e o 30 por cento. De aquí a final de ano e no comezo do 2024, nós temos que repercutir estas subas nas nosas cartas", explicou o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Galicia.

Real valoraba tamén os recursos xudiciais presentados por varias empresas do sector e nos que se reclaman ao Estado indemnizacións polo peche dos seus negocios durante o estado de alarma decretado durante a pandemia da covid. Uns recursos que comezou a revisar o Supremo este xoves, 21 de setembro. Confía en que prosperen e senten precedente para o sector.

"Entendo todo este tipo de accións para que se nos indemnice dalgunha maneira. Se dicían que era unha situación excepcional para pecharme e impedirme traballar e polo tanto ter ingresos, a un negocio que tiña a licenza en vigor, a mesma excepcionalidade deberían tela aplicado á hora de recadar os impostos e taxas", asegurou. 

Ao preguntarlle sobre as declaracións da ministra de traballo en funcións, de Yolanda Díaz, en que se amosaba partidaria de seguir a incrementar o SMI, Cheché Real defende que os empresarios da hostalaría cumpren e "seguimos as pautas legais. O noso máximo activo son os nosos traballadores e temos que coidar deles. Facilitarlles a conciliación da súa vida laboral coa familiar, coa súa vida de ocio, para facer ó sector atractivo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos