Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta lanza unha nova edición do Bono Turístico

A Xunta lanza unha nova edición do Bono Turístico

Permitirá obter un 40 por cento de desconto en aloxamentos turísticos e axencias de viaxe durante a tempada baixa

G24.gal 21/09/2023 11:29 Última actualización 21/09/2023 15:26

O Bono Turístico naceu en 2020 como recoñecemento e recompensa aos sanitarios durante a pandemia. Pero pronto se reorientou a toda a cidadanía, co obxectivo de reactivar o sector turístico galego fóra da temporada alta. Máis de 39.000 persoas beneficiáronse nas tres edicións anteriores desta iniciativa, que este ano repite a fórmula.

Cada bono vai permitir obter un 40 por cento de desconto en aloxamentos turísticos e axencias de viaxe, ata un máximo de cen euros que achegaría a Xunta. Os usuarios terán que achegar o outro 60 %.

Así, a Xunta planea sacar 10.000 bonos, que permitirán ese desconto e, unha vez "modulada" a medida, fíxase un límite de ata ese máximo de 100 euros de achega do Executivo galego.  

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confiou en que con este bono "moitos galegos poidan facer turismo" por Galicia ata final de ano, para manter así a tendencia iniciada hai uns anos de recuperación do turismo interior na comunidade.

Na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, destacou a "excelente tempada turística" de verán que termina agora, e mostrouse convencido de que tamén se manterán as "magníficas" cifras do turismo exterior, sobre todo polo atractivo do Camiño de Santiago.

A tal fin habilitarase un millón de euros, co que a Administración galega confía en mobilizar ata tres millóns no mercado do turismo interno.

O ano pasado houbo preto de mil establecementos adheridos, e a opción máis demandada foi a dos hoteis de catro estrelas. E Sanxenxo, o destino preferido dos beneficiarios do bono turístico.

Intermodal de Lugo

O Consello da Xunta aprobou tamén o proxecto de construción da intermodal de Lugo. A Xunta destina 13,7 millóns de euros á nova terminal de autobuses e ao aparcadoiro subterráneo, unhas infraestruturas que utilizarán cada ano máis de 600.000 viaxeiros.

Tras anos de negociacións, en marzo chegaron a un acordo as tres administracións implicadas no proxecto. Á achega do Goberno galego hai que sumarlles 31 millóns da ADIF, e preto de cinco do Concello de Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade