Máis estrés e menos ovos, efectos do confinamento das aves de curral
Os expertos cren que a medida contra a gripe aviaria non se prolongará moito tempo
Cando o seu espazo se reduce e masifica, todas as aves sofren estrés, pero acúsano máis as que están afeitas a moverse en liberdade. As galiñas poñedoras poñen menos ou deixan de poñer.
"As galiñas que están ao aire libre sofren estrés se as confinamos e as metemos nos galiñeiros. Hai que buscarlles un espazo ao redor do galiñeiro o máis amplo posible e protexelo por arriba das posibles entradas de aves silvestres", explica Diego Rois, veterinario de Boaga.
Ten que ser un espazo protexido con mallas ou outros mecanismos que mellore o benestar dos animais e ao tempo evite que entren en contacto coas aves silvestres.
En Galicia non houbo ningún contaxio de gripe aviaria en aves de curral e os veterinarios amósanse optimistas pola evolución da enfermidade e o comportamento das aves migratorias.
"Este ano en Galicia está habendo menos paso desas aves migratorias pola costa, a ruta vai polo centro de España. O avance da enfermidade fainos ser optimistas, polo menos aquí en Galicia", di o veterinario.
Insisten en que non hai risco de contaxio en humanos e en que a seguridade alimentaria está garantida.