A toxina pon en perigo a campaña do mexillón ao obrigar pechar a maioría dos polígonos bateeiros
Menos dun 20% das zonas de bateas teñen permitido a extracción
A evolución da biotoxina determinará o éxito da campaña do mexillón, que basea o 40% dos ingresos no Nadal
A marea vermella tamén está afectando outras especies e obrigando a pechar zonas de extracción de berberecho e ameixa
Esta mañá o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, o Intecmar, confirmaba o peche de dous novos polígonos bateeiros na ría de Arousa debido á presenza da toxina lipofílica ou diarreica. Dos cincuenta que hai en Galicia xa só permanecen operativos os da ría de Ares, un en Camariñas e sete na ría de Arousa. E son máis do 80% das zonas totais as afectadas, unha situación que están acusando os produtores.
"A situación está complicándose e está pechado o noventa por cento dos polígonos da ría de Arousa e de Pontevedra", asegura Ricardo Herbón, presidente da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (OPMEGA).
Aínda que a presenza das toxinas é habitual nas zonas de cultivo, este ano presentan unha maior virulencia.
"Vemos que hai moitos máis polígonos pechados e non hai dúbida de que para isto non estás preparado. Confías en que a campaña vaise desenvolver con normalidade, pero isto vénche mudar todas as túas previsións", laméntase Ricardo Herbón.
A preocupación do sector, coas bateas pechadas e os barcos amarrados, é que a proliferación da toxina se prolongue no tempo, xusto agora ás portas da campaña do Nadal, e é que significa máis dun 40% dos ingresos de todo o ano.
"A previsión é incerta porque estamos vendo que hai bastante proliferación na auga (de toxina) e isto o que fai é que se complique a situación en vez de mellorar. Confiamos en que para a semana, se hai unha diminución dos ventos do sur e un cambio de vento, que nos poida axudar", manifesta o presidente de OPMEGA.
As biotoxinas non só están afectando ao mexillón, senón tamén as especies infaunais, coma o berberecho ou a ameixa. De feito, hai varias zonas de extracción que tiveron que pechar á actividade. A evolución da toxina nos vindeiros días determinará se a campaña se pode salvar.