O rescate máis espectacular dunha balea na ría de Aldán: remolcada cun kaiak e a nado
Dous membros do CEMMA estiveron tres horas tirando dela a remo ata deixala na praia de Area de Bon
O cetáceo medía sete metros e pesaba 3.000 quilos
Foi un rescate de película. Digno dunha novela de Hemingway.
Despois de todo un día á valga pola ría de Aldán, o cadáver dunha pequena alibranca, quedara varada este mércores nunhas rochas de moi difícil acceso entre a praia de Area de Bon e Rebentóns.
Durante a noite o mar sacouna das pedras. E aproveitando esta circunstancia, este xoves, membros do CEMMA fixeron o imposible para que non volvera encallar.
Amarrárona a unha piragua e estiveron tres horas remando e a nado ata que conseguiron levala ata a praia de Area de Bon.
Non foi traballo doado. O cetáceo medía 7 metros e pesaba 3.000 quilos.
Finalmente, unha lancha de Gardacostas achegouse a Area de Bon para levala ata o porto de Aldán.
Alí membros do CEMMA conseguiron por fin sacar mostras para analizar.

Despois houbo que cortala en anacos para que un camión do concello puidera retirar os seus restos.