Aparece o cadáver dun cetáceo na ría de Aldán, en Cangas
O exemplar mide uns cinco metros e atópase nun punto de difícil acceso

Barcos da confraría de Cangas avistaron na mañá deste mércores na ría de Aldán o cadáver dunha pequena balea pertencente á especie balea alibranca, Balaenoptera acutorostrata.
Dende a confraría alertaron ao CEMMA e dende aquí mandouse aviso a Salvamento Marítimo para intentar rescatar o cetáceo, que nestas condicións supoñía un perigo para a navegación.
Varios pesqueiros avistárona durante a tarde, sen que ningún se atrevera a trasladar a porto un animal de semellante tamaño.
As correntes arrastraron a balea a unha zona de rochas de moi difícil acceso entre as praias de Area de Bon e Rebentóns, onde permanece arestora.

A Consellería de Medio Ambiente xa deu aviso á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) co obxectivo de realizar a necropsia do animal, no caso de que se poida recoller e logo proceder a súa retirada e incineración.
No que vai de ano vararon nas costas galegas 274 cetáceos. Entre eles houbo catro baleas, algunha de ata dez metros de longo.