O rei Xoán Carlos chegará a Sanxenxo a máis tardar o venres á mañá, confirma Pedro Campos á CRTVG
O monarca honorífico visitará a vila acompañado da infanta Helena, segundo explicou o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, que os acollerá na súa casa
O rei Xoán Carlos I vaise hospedar na casa do seu amigo Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, durante a súa estancia neste concello das Rías Baixas, prevista para esta fin de semana.
O propio Campos confirmou en declaracións á Radio Galega que a chegada do rei honorífico está prevista para a noite do xoves ou a mañá do venres e que, "coma outras veces", decidiu aloxarse na súa casa. O dispositivo de seguridade xa está preparado para o momento en que o monarca chegue a Sanxenxo.
Pedro Campos explicou que Xoán Carlos estará acompañado durante a fin de semana pola súa filla, a infanta Helena.
Arquivo das causas xudiciais
O desexo de regresar a España por parte do rei Xoán Carlos era unha cuestión que se viña debatendo nos últimos meses e que colleu máis forza unha vez se arquivou a última investigación sobre o seu patrimonio aberta pola xustiza.
Tratábase das pescudas polas comisións do AVE á Meca, que finalmente a Fiscalía optou por arquivar a gozar o rei de inviolabilidade no momento dos feitos. Tampouco a Fiscalía observou delito no caso da fortuna de Jersey,
Na súa recente visita a Abu Dhabi o rei Filipe VI falou con seu pai por teléfono e os dous quedaron en verse no Palacio da Zarzuela tras a estancia en Sanxenxo desta fin de semana.