A Fiscalía arquiva a investigación das comisións do AVE á Meca
A Fiscalía Anticorrupción acordou o arquivo das dilixencias preprocesuais ao non ver delito
Na causa investigaban os contratos pero non o rei Xoán Carlos, xa que no momento dos feitos gozaba de inviolabilidade

A Fiscalía Anticorrupción arquivou a investigación sobre o presunto pago de comisións na obra do AVE á Meca, adxudicada en 2011 a un consorcio de doce empresas españolas, tras case catro anos de pescudas, que se abriron por mor do caso Villarejo.
Anticorrupción non atopou indicios dun delito de corrupción nas transaccións internacionais e acordou o peche das dilixencias preprocesuais abertas en 2018.
As dilixencias abríronse por mor do achado das revelacións realizadas pola empresaria alemá Corinna Larsen, a que foi amiga íntima do rei Xoán Carlos, ao excomisario José Manuel Villarejo sobre ese contrato.
Despois de que o xuíz que investigou o caso Villarejo na Audiencia Nacional acordase darlle carpetazo á peza Carol, ao entender que o rei era inviolable cando se produciu dita conversa entre Villarejo e Corinna en Londres en 2015, a Fiscalía Anticorrupción optou por seguir indagando nesa adxudicación por se se producira a comisión dun delito de corrupción nas transaccións internacionais. Ao non atopalos, Anticorrupción acordou o sobresemento das dilixencias.