O rei Xoán Carlos goza xa en Sanxenxo da súa segunda visita tras deixar España
O pai do rei Filipe VI aterrou en Peinador nun voo procendete de Londres
A estancia en Sanxenxo esperta críticas entre os socios do Goberno
Rueda, sobre a visita: "Non é unha mala cousa, todo o contrario"
O rei Xoán Carlos I chegou a Sanxenxo pasadas as dúas e media da tarde deste mércores. Fíxoo no coche do seu amigo e anfitrión, Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo.
Enseguida o vehículo colleu a pista que conduce á casa do armador do Bribón, e onde o pai de Filipe VI pasará os próximos días, nunha casa de dous andares e con vistas á praia de Nanín.
Antes, Xoán Carlos I aterrara en Vigo nun voo privado procedente de Londres. Un coche agardábao a pé de escaleira. Apoiado nun bastón, desprazouse uns poucos metros ata o vehículo en que viaxou xa ata Sanxenxo.
Vestido con pantalóns escuros, o ex-xefe o Estado accedeu inmediatamente despois de tomar terra ao asento do copiloto e, despois de saudar coa man tras o portelo, tomou rumbo á vila do Salnés, onde participará co seu barco, o Bribón, nunha regata do campionato español de vela, que se celebra esta fin de semana.
Xoán Carlos I volve a España case un ano despois da súa última visita. En maio de 2022 estivo en Sanxenxo, na que foi a súa primeira visita a España desde que en 2020 establecera a súa residencia en Abu Dhabi.
A previsión esta vez é que a súa estancia estea marcada pola discreción, despois do malestar que causou no Goberno a súa publicitada visita anterior e a súa negativa para dar explicacións polo seu comportamento persoal motivado polas irregularidades fiscais que cometeu nos últimos anos do seu reinado.
Debido aos seus problemas de mobilidade, a idea do anterior xefe do Estado é repousar e embarcar o xoves para adestrarse coa tripulación con vistas á regata que se vai a celebrar o sábado e o domingo.