Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xoán Carlos I preguntado sobre se lle dará explicacións ao seu fillo: "De que?"

Xoán Carlos I preguntado sobre se lle dará explicacións ao seu fillo: "De que?"

Elude as preguntas sobre se vai dar explicacións públicas acerca das súas regularizacións fiscais

O Bribon 500, a bordo do que navega, gana o trofeo InterRías de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo insiste en que Xoán Carlos regresará a partir do 10 de xuño

G24.gal 22/05/2022 17:29 Última actualización 22/05/2022 22:43

De regreso á vivenda do seu amigo Pedro Campos en Sanxenxo tras unha xornada de regatas, Xoán Carlos I tivo unha breve conversa cun xornalista desde o interior do vehículo en que accedía á casa.

—Que lle vai dicir ao seu fillo este luns?

—Como que lle vou dicir? Que lle dirías ti ao teu fillo?

—Supoño que terá moitas ganas de velo.

—Home, moitísimas.

—Vaille dar algún tipo de explicacións?

—Explicacións de que?

Tras este breve intercambio, o vehículo accedeu ao domicilio, mentres se escoitaba a risa de Xoán Carlos.

Era o remate a unha intensa xornada que lle pon fin á parte máis grata da súa viaxe a España, a primeira despois de case dous anos e medio. En Sanxenxo tivo a calor de moitos veciños e curiosos, como na súa mellor época.

Deixouse ver en todo momento, cun perfil da visita que quizais non era o máis desexado na Zarzuela, onde preferían de seguro un regreso máis discreto, con menos exhibición ante os medios. Pero era unha viaxe privada e Xoán Carlos I viuse arroupado por amigos nun ambiente confortable.

Así deixou ver certa locuacidade en distintos momentos, como cando lle preguntaron polas ganas de reunirse este luns co seu fillo Filipe VI en Madrid. A resposta foi: "Pregunta, pregunta ti; eu estou aquí en Sanxenxo", indicando cun xesto que é noutro lugar onde deben responder.

Agora Xoán Carlos I pasa as súas ultimas horas na casa do seu amigo Pedro Campos nas proximidades de Sanxenxo para desprazarse ao reencontro privado este luns co seu fillo Filipe VI e o resto da súa familia. Alí noutro momento da xornada do domingo indicou que agarda "moitas apertas", pois como comentou ante as preguntas dos xornalistas ten "moitas " ganas de "ver a familia".

"Moitas apertas e ver a familia", é o que confesou que desexa tras saír do Club Náutico de Sanxenxo no vehículo particular do regatista Pedro Campos, o seu amigo persoal e anfitrión na súa estadía en Galicia.

Son os comentarios breves que realizou Xoán Carlos I ante os medios ao abandonar as instalacións tras a entrega de premios aos vencedores do Trofeo InterRías, terceira proba puntuable para o circuíto da Copa de España de vela de 6 metros.

Os detalles do encontro "privado" deste luns

Este 23 de maio Filipe VI reencontrarase con Xoán Carlos na Zarzuela nunha reunión privada tras dous anos do distanciamento que o actual xefe de Estado marcou co seu pai tras coñecer os negocios irregulares no estranxeiro, que levaron á súa marcha a Abu Dhabi en agosto de 2020.

O mesmo día voa de volta a Abu Dhabi, onde estableceu polo momento a súa residencia permanente, conforme adiantou Zarzuela.

Sobre as persoas presentes que verán a Don Xoán Carlos, ademais de Don Filipe, tamén o fará a raíña Sofia, quen non visitou nestes case dous anos o seu marido nos emiratos, como si o fixeron as súas dúas fillas Elena e Cristina e tamén algún dos seus netos. Dona Sofia regresa este domingo precisamente a Madrid tras unha viaxe privada a Miami.

Na información de Casa Real, cando chegou Xoán Carlos I só mencionou para o previsible encontro o rei,  a súa nai, e dixo que vería outros membros da familia, sen citar expresamente a raíña Letizia ou a infanta Sofia, ás que tampouco viu en todo este tempo.

A Casa real non ofrece máis detalles dun reencontro que enmarca no ámbito privado do rei e que polo tanto non incluíu na axenda pública do monarca.

 

En Sanxenxo agardan que regrese a partir do 10 de xuño

O alcalde de Sanxenxo Telmo Martín insistiu este domingo en que o propio Xoán Carlos I lle confirmou que regresará a esta localidade a partir do 10 de xuño para participar en mais regatas co gallo da celebración da Copa do Mundo de Vela na categoría de seis metros, na que é vixente campión co seu barco Bribon 500.

Asegura que estará nesa cita, pero non puido concretar que día será o da súa chegada nin canto tempo vai estar na vila das Rías Baixas.

Sobre esta última visita, no que foi o seu primeiro paso por España desde que fixara a residencia nos Emiratos Árabes Unidos perseguido polo escándalo dos seus negocios irregulares, o alcalde  comentou que "na faciana do rei" se podía percibir "que estaba feliz e emocionado e contento" de estar de volta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade