O Real Madrid gaña a Champions cun Courtois descomunal
14º título para o equipo branco que gañou por 1-0 cun tanto de Vinicius
Exhibición de paradas do porteiro belga que neutralizou todas as ocasións dos ingleses
Enfrontábanse dous dos reis da Champions. O Liverpool cuestionaba o trono do Real Madrid pero á hora da verdade o equipo branco sacou ese xen especial que ten na Champions para sobrevivir nos intres complicados e ser letal nas poucas ocasións das que dispuxo. Iso, e Courtois. Demostrou ser o mellor porteiro do mundo cunha portentosa exhibición de paradas de todos os estilos que posibilitou o triunfo do seu equipo.
O partido comezou con media hora de retraso polos incidentes nos arredores do campo de Saint Denis, onde milleiros de seareiros sen entrada tentaban asaltar o campo. Outros tantos co billete quedaban no medio da batalla campal sen poder acceder á súa localidade.
O Liverpool dominou a primeira metade. Sen demasiadas ocasións, pero cun ritmo que lle custaba moito manter ao Real Madrid. A mellor ocasión foi de Mané, pero un xigante Courtois, o mellor da final, impediu o seu gol.

Si conseguiu marcar Benzemá no 43, nunha acción moi polémica que tivo que ser revisada durante tres minutos polo VAR para dar o tanto como anulado por posición de fóra de xogo do francés (o que se discutía era se o coiro viña dun xogador do Liverpool dun xeito intencional).
Na segunda metade comezou con forza o Real Madrid que aos 58 minutos marcaba nun remate cruzado de Fede Valverde que empurrou á rede Vinicius. O brasileiro pasará á historia como o xogador que anotou o tanto do triunfo, pero realmente esta foi a final de Thibaut Courtois.

O porteiro foi un xigante diante dos dianteiros do Liverpool. Sacoulle tres mans prodixiosas a un Salah impotente diante do mellor porteiro do mundo. Se miramos os datos o gañador tiña que vestir de vermello. 24 tiros do Liverpool por 4 do Real Madrid. Máis posesión, pases, tiros ... pero por debaixo no marcador.
A Champions máis difícil de todos os tempos é a número 14 para o Real Madrid e unha das de máis mérito na que conseguiu deixar na cuneta a París Saint Germain, Chelsea, Manchester City e Liverpool.