O 'Rambo galego' volve ás andadas nas fragas do Eume
Os veciños pensan que pode estar tras a desaparición de comida das vivendas
A Garda Civil está na súa busca na contorna do parque natural
A Garda Civil busca na contorna das fragas do Eume o coñecido delincuente alcumado o Rambo galego, fuxido do cárcere de Monterroso no mes de marzo. Hai preocupación entre os veciños da zona, porque o culpan dos roubos de comida rexistrados en varias vivendas. Un cazador mesmo o viu agochado nunha tenda no medio do bosque. A TVG puido falar con el.
A última persoa que lle viu a faciana a Alfredo Sánchez Chacón é un rapaz de Chao de Ombre, en Pontedeume. Nun día de caza polo bosque topou de súpeto coa tenda onde supostamente se agochaba o Rambo.
"Subín fraga arriba, seguindo o rastro duns xabarís, e nun chan, á media fraga había como un camiño e alí atopei unha tenda. Había un home que estaba con medio corpo fóra da tenda, coa man metida detrás, como escondida, non sei se agochaba algo. E preguntoume que facía alí. Estiven falando con el un chisco, a ver como reaccionaba. Vin de volta para abaixo, cara ao coche. El seguime un treito, supoño que por se chamaba por teléfono ou algo. Seguín cara ao coche... e listo", así relata o mozo o encontro coa persoa que puidera ser o Rambo.
Deu aviso á Garda Civil, que axiña se presentou no lugar. Pero o fuxido xa levantara campamento. O cazador prefire manterse no anonimato. Foi un breve encontro, suficiente para ver o aspecto que ten agora. Non lle apreciou coxeira, como aseguran algunhas testemuñas.
"É un home xa maior, con media barba. Eu non o vín coxear, porque estaba como tombado, pero segundo di por aí, si coxea", di o rapaz que o atopou.
Os veciños levan notando a presenza de Sánchez Chacón dende hai semanas. Atribúenlle a el ata 16 roubos en vivendas, sobre todo á procura de alimento, aínda que puidera ser algo máis.
"Polo que levamos contado, houbo (roubos), máis ou menos, en entre catorce e dezaseis casas nos últimos días", di Brais García, un veciño de Chao de Ombre, preocupado pola situación.
"Aí colleu unhas tesoiras de podar e un ferro. O ferro deixouno enriba da cama, pero levoulles cadeas e outros obxectos de ouro, iso si", conta un veciño de Irís, en Cabanas.
Dada que a preocupación foi en aumento, decidiron crear un grupo de WhatsApp, cun cento de veciños de toda a contorna, para alertar de calquera incidencia. O último aviso saíu da parroquia de San Marcos, en Cabanas. Piden máis vixilancia, especialmente pola noite. "Xa non é collelo ou non collelo, o que pedimos é que haxa seguridade pola noite, que se vexa movemento nos camiños", reclama Brais.
Condenado a dezasete anos de cadea por asasinar un rapaz en Cuntis, o Rambo protagonizou varias fugas da cadea. A última foi en marzo. E aínda non regresou. Seu rastro pérdese agora entre a espesura das fragas do Eume.