Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Rácing volve sen puntos de Cartaxena (2-1)

O Rácing volve sen puntos de Cartaxena (2-1)

O gol de Pinchi foi contrarrestado polos de Poveda e Muñoz

Os de Cristóbal afástanse dos postos de playoff

G24.gal 09/03/2024 21:30

O Rácing de Ferrol visitou Cartagonova na busca de cambiar a mala serie de resultados, pero non foi quen e viu como os locais lle remontaban o partido.

O conxunto de Cristóbal saíu moito mellor ao campo que o seu rival. Nos primeiros compases xerou certa sensación de perigo, que Óscar Pinchi converteu en gol no minuto 12, no que foi o seu primeiro tanto coa casaca verde. O conxunto ferrolán non quitou o pé do acelerador, e tivo algunha que outra chegada máis. Preto da media hora, foi o Cartaxena quen avisou, por mediación de Arnau, pero Cantero estivo moi seguro baixo os paus. Dous minutos despois, Poveda empurrou o balón coa testa ao fondo da rede, nunha xogada polémica, xa que Cantero a piques estivo de sacala sobre a liña. Tres goles lle foron anulados ao conxunto de Cristóbal, un a Álex, outro a Bernal e outro a David Castro por falta. Logo do empate os visitantes tentaron volver a poñerse por diante, pero non foron quen de anotar antes de que o colexiado sinalase o túnel de vestiarios.

Na segunda metade os locais saíron moito mellor e atoparon o segundo nun grave erro defensivo. Un balón ás costas rematou cunha mala xogada de Álex Martín, na que mide mal o bote do balón, que foi finalizada por Luis Muñoz. Na seguinte xogada, os de Cristóbal tentaron reaccionar, pero toparon co gardameta. Chegando á hora de partido, Cantero tivo que aparecer para evitar o dobrete de Luis Muñoz. O conxunto dirixido por Julián Calero estaba moito mellor que os ferroláns. No minuto 70, unha gran xogada persoal de Arnau foi detida de novo polo gardarredes visitante. Cinco minutos máis tarde, Iker Losada fixo esforzarse a Raúl Lizoain cun bo disparo ao pau curto. Logo da ocasión do excéltico o Rácing espertou de novo, e foi en busca do segundo. No 81', un disparo de falta de Pedro Alcalá cortou a respiración dos seaeiros ferroláns. Nos últimos intres, ninguén foi quen de modificar o marcador.

Con este resultado, o Rácing queda noveno con 44 puntos e podería caer aínda máis na táboa. Pola súa parte, o Cartaxena afástase un pouco do descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos