O Racing di adeus á Copa ante un serio Huesca (0-2)
Os departamentais gozaron de ocasións para empatar o partido pero non atinaron coa portería oscense
O equipo aragonés sentenciou á contra na segunda metade
@SDHuesca
Rematou a aventura copeira do Racing de Ferrol tras caer na Malata por cero tantos a dous ante o Huesca. Ambos os adestradores optaron pola unidade B para disputar a eliminatoria pero a maior pegada dos oscenses decidiu a súa clasificación.
Na primeira metade non houbo moitos achegamentos con perigo. O Huesca foi quen de adiantarse no marcador despois dunha boa xogada por banda dereita culminada por Ángel Pérez. A chegada de Jon Pérez Bolo ó banco aragonés dotou de maior organización defensiva ó equipo e o Racing tiña problemas para atopar fendas na defensa visitante.
No inicio da segunda metade os ferroláns rozaron o empate. Primeiro cun lanzamento desde a frontal de Aitor Gelardo que repeleu o pau dereito da portería de Dani Martín. Tamén o prometedor Azael levou perigo sobre a meta oscense con outro disparo desde lonxe. Pero cun Racing que deixaba moito espazo as súas costas, o Huesca atopou a vía directa para levar perigo á portería de Lucas Díaz. Ángel Pérez non atinaría na primeira grande ocasión aragonesa na segunda metade, pero o francés Samuel Ntamack non desaproveitaría a súa oportunidade de pechar a eliminatoria ó culminar unha xogada persoal por banda esquerda.