O Rácing dálle continuidade ao proxecto coa renovación de Cristóbal Parralo
Terceira campaña do adestrador, que seguirá acompañado por Javier Manjarín ata o 2024
Xa sabemos que Carlos Mouriz é un director deportivo de proxectos longos e de confianza cega no traballo dos adestradores. O bo facer do Rácing nos últimos tempos facía presaxiar este desenlace e chegou a renovación dos bases na parcela técnica do cadro ferrolán.
Cristóbal Parralo volverá ser o encargado de tentar levar o proxecto racinguista á Segunda División e seguirá acompañado polo asturiano residene na Coruña Javier Manjarín. Cristóbal chegou a mediados da campaña 20-21 en substitución de Emilio Larraz. O seu segundo proxecto, o desta temporada que acaba de finalizar, estivo a piques de rematar en ascenso. Acabou a liga regular como o terceiro clasificado e na fase caeu ante o Nástic de Tarragona.