O quecemento global amplía a tempada de alerxias ao pole, e faino máis agresivo
Este ano as floracións puideron chegar antes pola calor, e con elas adiántanse tamén os padecementos das persoas alérxicas
Se somos alérxicos, colgar a roupa dentro de casa, ter as ventás pechadas, ou levar lentes ou máscara para protexer as mucosas se saímos poden axudarnos a levalo mellor
Este ano as floracións puideron chegar antes pola calor. Con elas, adiántanse tamén os padecementos das persoas alérxicas, se ben é certo que a chuvia da primavera axudou algo.
"En Galicia chove na primavera e no verán, iso produce un efecto de limpeza do pole que está no aire e os pacientes melloran", di Carme Vidal, xefa do servizo de Alergoloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
De momento, a tempada da polenose está dentro da normalidade. Pero o que veñen notando nos últimos anos é "que o pole podería ser máis agresivo na súa capacidade de producir alerxia". Iso sería debido ao quecemento global, e a consecuencia é que empeoran os síntomas dos alérxicos.
E dentro dos poles, tamén os hai máis e menos alerxénicos. Entre os que abundan aquí, falariamos do bidueiro, as gramíneas ou a parietaria, un tipo de estruga que agora está en nivel vermello en toda a costa.
"É case perenne na floración -explica Vidal- e ten unha polinización moi importante. Como axente agresivo, a parietaria estaría en primeiro lugar".
Lembra que un pode facerse alérxico ao pole a calquera idade, e recomenda acudir o centro de saúde se detectamos síntomas. Hai tratamento para diminuílos, e axuda ademais a que non derive en doenzas respiratorias máis graves, como a asma.
"Non todos os pacientes van desenvolver asma, porque hai que ter unha predisposición", explica Carme Vidal. Se a tes -engade- existe a posibilidade de previr esa evolución mediante a vacinación. "De ningunha outra maneira podes previr esa evolución se tes a predisposición", conclúe.
E se somos alérxicos, colgar a roupa dentro de casa, ter as ventás pechadas, ou levar lentes ou máscara para protexer as mucosas se saímos, poden axudarnos a levar mellor a tempada alta do pole no ambiente.