Publicador de contidos

Publicador de contidos

Folga do profesorado contra o acordo de redución de ratios e horarios

Folga do profesorado contra o acordo de redución de ratios e horarios

Esta medida de protesta, convocada pola CIG-Ensino e á que logo se sumaron STEG, CSIF e CUT, tivo a súa máxima visibilidade nunha manifestación en Santiago de Compostela

A CIG, principal sindicato do ensino público en Galicia, cualificou de "insuficiente" e de "chantaxe" este acordo asinado con tres organizacións: CCOO, ANPE e UXT

Educación cifra no 15 % o seguimento do paro, mentres que a CIG o eleva ao 60 % de media

CIG-Ensino, CSIF e STEG maniféstáronse este martes en Santiago (EFE. Xoán Rey)
G24.gal 24/10/2023 09:59 Última actualización 24/10/2023 16:16

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, situou nun 15,3 % a participación na folga convocada no ensino público non universitaria de Galicia.

Este paro xeral, que impulsaron os sindicatos CIG-Ensino, CSIF e STEG, non provocou incidencias no funcionamento dos centros educativos que, segundo subliñou Rodríguez en Pontevedra, operaron este martes "con gran normalidade".

Román Rodríguez lamentou a actitude de CIG-Ensino, o único dos catro sindicatos presentes na mesa sectorial en que se acordaron as novas condiciones labores do profesorado que se empezarán a aplicar "de forma efectiva" en 2024. "Non expuxeron propostas. Viñeron cunha postura de todo ou nada", segundo Rodríguez, que subliñou que "se somos inflexibles non é unha negociación, é unha imposición".

O conselleiro agradeceu o "sentido común, altura de miras e responsabilidade" da Xunta de Galicia e dos tres sindicatos -CCOO, ANPE e UXT- que avalaron un acordo "histórico", pactando medidas "moi significativas" para mellorar o sistema educativo galego.

"O importante" deste acordo, detallou o responsable de Educación, é que a partir do curso 2024-2025 reduciranse a 20 alumnos os cocientes en infantil e primaria e, "de forma progresiva", irase facendo no resto de niveis educativos.

Ademais, os alumnos con certificados de discapacidade "van computar á hora de conformar os grupos de cada aula", o que, a xuízo de Román Rodríguez, mellorará a diversidade nas aulas galegas e a atención ás persoas "que máis o necesitan".

O acordo da mesa sectorial inclúe tamén a redución da xornada laboral en Primaria e o compromiso de traballar "a medio prazo" para facelo tamén en Secundaria cando a Xunta de Galicia "se abra a negociar" a xornada de 35 horas.

A todo isto, Rodríguez engadiu outras medidas para mellorar a carreira profesional docente como o reforzo da formación ou o recoñecemento do "esforzo e motivación" dos profesionais que asumen responsabilidades en dirección ou titorías.

A través deste "grandísimo acordo", a Xunta busca "estabilizar" o mapa territorial do sistema educativo galego, garantindo o seu mantemento e mellorando as condicións laborais do seu profesorado. 

A CIG di que o seguimento desbordou as expectativas

En calquera caso, para a CIG o seguimento do paro "desbordou" as súas expectativas. Calcula que máis do 60 % do profesorado secundou os paros nas distintas etapas docentes. Din que está a ser maioritario nos centros de educación secundaria -arredor do 80 %- e ten unha menor incidencia nos de infantil e primaria.

Os servizos mínimos obrigaron a manter abertos os centros en horario lectivo coa presenza do director ou un membro do equipo directivo, polo que practicamente todos os alumnos acudiron as aulas.

O profesorado participou nunha manifestación en Santiago que saíu da praza de Cervantes e rematou na Consellería de Educación en San Caetano. O portavoz do sindicato nacionalista dixo aos xornalistas, instantes antes de iniciarse a marcha de protesta, que a manifestación pon de manifesto "o malestar" que existe entre o profesorado galego.

A pesar de que o acordo asinado o pasado día 11 de outubro entre Educación e os sindicatos UXT, CCOO e ANPE avanza en cuestións como melloras nas cociente e salariais, desde a CIG consideran que "implica renunciar ás demandas que durante 14 anos vimos defendendo as organizacións sindicais nas distintas etapas educativas".

En palabras do dirixente de CIG-Ensino, o documento asinado "non dá cumprida resposta ao que defendemos incansablemente", en referencia á recuperación do horario lectivo ou dos ratios "para todas as etapas educativas sen exclusión". 

O acordo para reducir ratios

O documento final foi asinado o día 11 polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e as outras tres organizacións con representación na mesa sectorial docente non universitaria: CCOO, ANPE e UXT.

O principal punto do acordo, que tamén afecta a concertada, inclúe a redución de ratios a 20 alumnos por aula de forma paulatina desde 4º de infantil (3 anos) a partir do curso 2024/25. Este proceso culminará no ano 2032/33 con 6º de primaria. En ESO, bacharelato e FP queda posposto a unha próxima negociación, unha vez termine a súa implantación en infantil.

En canto ao horario lectivo, o documento reducirá de 25 a 23 as horas de clase á semana en infantil e primaria, aínda que seguen por encima das que había antes de 2011.

O documento asinado tamén recolle subidas nos sexenios e nos complementos por labores directivos e de titorización, así como a elaboración dun plan de redución de cargas burocráticas dos profesores.

Por outra banda, o luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha orde da Consellería que establecía que serían os equipos directivos os que fixarían os servizos mínimos nos centros, tendo en conta que teñen que deben permanecer abertos durante a xornada de folga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade