Carlos de Inglaterra agradécelle á súa nai os 70 anos de servizo ao país
A raíña inaugurou o concerto do xubileu de platino cun vídeo en que aparece tomando o té co oso Paddington

O príncipe Carlos, herdeiro da coroa británica, agradeceulle este sábado á súa nai, a raíña Isabel II, os seus 70 anos de servizo ao Reino Unido, durante o concerto do xubileu de platino que se celebrou diante do palacio de Buckingham.
"Ris e choras connosco e, o máis importante, estiveches alí connosco durante estes 70 anos", dixo o príncipe de Gales, que se referiu á raíña Isabel II como 'mamá'".
O príncipe, que subiu ao escenario acompañado pola súa esposa, Camilla, duquesa de Cornualles, agregou que o que "impulsa" a súa nai cada mañá é servir a poboación británica.
"Comprometécheste a servir toda a túa vida e segues cumprindo. Por iso estamos aquí. Iso é o que celebramos esta noite", agregou mentres se reflectían sobre o palacio imaxes de distintos aspectos da vida da raíña.
Antes de rematar, co himno 'Deus salve a raíña', o herdeiro da coroa pediulle á multitude que gritase na honra de Isabel II, que non asistiu ao concerto e permanece no castelo de Windsor, nos arredores de Londres.
Té con Paddington
Porén, a soberana inaugurou o evento cun divertido vídeo no que aparece tomando o té cun dos personaxes infantís máis famosos do país, o oso Paddington.
O concerto, ao que acudiron varios membros da familia real, arrincou coa actuación do lendario grupo británico Queen, que tocou We will rock you, co guitarrista Brian May, o batería Roger Taylor e a voz de Adam Lambert.
Facendo honra ao seu coñecido sentido do humor e da celebración, a raíña, de 96 anos, mesmo acompañou o comezo do concerto golpeando o seu prato de té cunha culleriña á vez que imitaba o son da canción.
As imaxes, que foran gravadas, sorprenderon os máis de 20.000 asistentes ao espectáculo, no que tamén actuaron, entre outros, Rod Stewart ou Diana Ross.