O Porriño ficha a internacional brasileira Juliana Santos
Santos: "Estou moi feliz de incorporarme a este excelente equipo, espero seguir crecendo como deportista e axudar o equipo para conseguir os seus obxectivos”

O Balonmán Porriño, vixente subcampión da Copa Europea, anunciou a incorporación da lateral internacional brasileira Juliana Santos, quen procede do Mezzocorona, co que competiu a pasada tempada na máxima categoría do balonmán feminino italiano.
“Elixín o Porriño pola súa historia e tradición. Estou moi feliz de incorporarme a este excelente equipo, espero seguir crecendo como deportista e axudar o equipo para conseguir os seus obxectivos”, declarou a xogadora zurda.
Santos vivirá co Porriño a súa segunda experiencia no balonmán europeo tras dar o salto o curso pasado ao Mezzocorona. Anteriormente, defendera as camisetas de São Bernardo, Criciuma e Cascavel no seu país.