O Porriño cede un empate co Aula de Valladolid nos últimos minutos (20-20)
O equipo de Isma Martínez gañaba por dous goles de diferenza a cinco minutos do remate
O Conservas Orbe Zendal Porriño empatou diante do Aula Cultural de Valladolid (20-20) no partido adiado da xornada 18 da Liga Guerreras. O equipo galego queda no quinto posto da clasificación con 23 puntos e suma a segunda igualada consecutiva. Un partido que tiña dominado a cinco minutos do final pero que non soubo pechar.
Comezou moi ben o Porriño, manexando diferenzas que estaban en torno aos dous goles. Chegou a ter unha máxima vantaxe de catro goles a pouco de chegar ao descanso cun 11-7 que amosaba a superioridade local.
Pero no inicio da segunda parte a dinámica do encontro mudou completamente. O Aula apoiouse no acerto da súa portería pero reducir diferenzas e logrou igualar (13-13) o resultado e mesmo conseguiu poñerse por diante cun inquietante 14-16. Da man de Carolina Bono recuperouse o Conservas Orbe Zendal que cun parcial de 5-1 entrou nos últimos minutos en vantaxe. A cinco do final gañaba por 20-18 pero non tivo acerto nas últimas xogadas e deixou escapar un punto de ouro.