O Noia di adeus ao soño copeiro tras perder nos penaltis ante Valdepeñas (4-4)
Cruel derrota para o equipo noiés tras o erro de Thierry na quenda de penaltis
Os de David Palmás xogaron a remolque todo o partido e mereceron un mellor resultado
@NoiaFutbolSala
Dura derrota do Noia nos cuartos de final da Copa do Rei despois de caer na quenda de penaltis ante o Valdepeñas nunha noite espectacular que se viviu nun ateigado Agustín Mourís.
A primeira metade foi igualada pero dous erros castigaron en demasía o equipo local. Primeiro foi Peixe que coa táctica de porteiro xogador perdeu un balón en campo contrario que aproveitou Joao Silveira para adiantar ós manchegos. E dous minutos despois Mateus Torres aproveitaría un penalti para colocar o 0–2 co que se chegaría o descanso.
Na segunda metade o dominio noiés foi total pero non chegaba o gol que metese na eliminatoria aos de David Palmas. Ata que a seis minutos do final o meta Peixe reducía diferenzas tras un duro disparo que tocou Torres e entro na meta dos de Valdepeñas. De aí ata o final o dominio dos locais aínda incrementaría. Pero cando máis preto semellaba o empate un ex do Noia coma Alex Naranjo acadaría o terceiro para os de Marlon Velasco aproveitando unha rápida contra. Pero non baixaría os brazos o equipo de Noia e Thierry aproveitando a táctica de porteiro xogador colocaba 2-3 a pouco menos de dous minutos para o final. E chegaría o empate cun gol de Biel a falta de 39 segundos para o final que levaba o partido á prórroga.
Na primeira parte da prórroga Carrasco volvería a adiantar o equipo visitante pero de novo Biel, a nove segundos do final da segunda parte do tempo extra, marcaba o gol que mandaba o partido á quenda de penaltis. Nos lanzamentos desde os sete metros o erro do local Thierry foi o que deixaría o equipo noiés sen a posibilidade de disputar a Final Four do torneo do KO.