Bruno Saavedra: "O Liceo ten no ADN ir a por todas. E iso non se merca"
O heroe da Copa do Rei liceísta estivo na 'Crónica deportiva' da Radio Galega e valorou a nova xesta do equipo herculino
Co contrato renovado hai un mes considera que en ningún sitio mellor que no club herculino para seguir crecendo
O Liceo seguiu agrandando a súa lenda este pasado fin de semana tras facerse coa edición 2026 da Copa do Rei. E cun xogador canteirán coma heroe, Bruno Saavedra, que onte foi protagonista na 'Crónica deportiva' da Radio Galega:
"Fomos un gran grupo. Competimos todos os partidos e merecimos gañar. Todo vén apoiado polo trabblo do equipo. Que sufrimos e sufrimos. E iso o facemos moi ben. E o esforzo viuse recompensado. Temos o ADN de ir a por todas . E iso non se merca".
"Dos tres goles creo que me quedo co primeiro. É un movemento que fixeramos en moitos partidos e que non chegara a saír. Foi un momento especial".
"Estou moi contento de ter renovado. Estou moi contento na Coruña coa miña familia e coa miña outra familia. Estou coma na casa".
"O Liceo ten que ir renovando xogadores. Xogadores que se van, xogadores que veñen ... O adestrador Juan Copa sabe sacar o mellor de cadaquén. Os que veñan que veñan con ganas de gañar e de loitar que é o que facemos aquí".