O Pontevedra redefine obxectivos en Talavera (0-4)
Os de Rubén Domínguez suman seis vitorias e tres empates nas últimas nove xornadas
Son terceiros con 38 puntos
O Pontevedra suma e segue. En Talavera deu un golpe na mesa, diante dun rival que transita os postos de descenso, e acadou unha traballada vitoria por 0-4, que o lanza na zona de promoción.
O partido foi complicado na primeira metade, cun Talavera que acumulaba tres xornadas sen gañar, e que viña de apañar 5 goles en Salamanca diante de Unionistas. Así que os de Alejandro Sandroni saíron con intensidade, dispostos a cortar calquera ataque dos granates. Moitas faltas, e un Pontevedra que tirou de oficio, e que marcou dous goles en apenas tres accións ofensivas.
O primeiro tanto chegou cunha acción espectacular pola banda de Alberto Gil, que gañou a liña de fondo e asistiu co exterior para o gol de Compa. O segundo, no engadido, cos mesmos protagonistas: pelexouna e gañouna Compa, que asistiu a Alberto Gil, e este marcou cun disparo raso lonxe do alcance de Jaime González. Polo medio, outra ocasións dos galegos, con Alberto Gil e Luisao rematando sen atopar o premio.
Á volta do descanso intentou botarse arriba o Talavera, pero seguiu sen crear ocasións claras, e volveron golpear os granates. Miguel Cuesta iniciaba a acción para Brais, que asistía ao asturiano. O promio Cuesta, incorporado á área, remataba ao fondo da rede.
Cos cambios non mudou a decoración, e un dos homes de refresco de Rubén Domínguez lanzou a acción que pechaba a conta. Foi o último en chergar, Diego Gómez, que asistiu a Yelko. O seu remate bateu en Edu Gallardo e acabou na rede.
0-4 en Talavera, e o Pontevedra segue enrachado, con 38 puntos, e no terceiro posto da táboa, cuns números que asustan. Nove xornadas sen perder, nas que acumula seis vitorias e tres empates.