O Pontevedra golea en Avilés (0-3) e colócase na terceira praza
Os de Rubén Domínguez seguen coa súa serie espectacular, con cinco vitorias seguidas
O Pontevedra, que acaba de ascender á Primeira Federación, está a demostrar que non so é a revelación na Liga, senón que ten vimbios abondo para pensar en cotas máis altas que unha permanencia que xa ten moi ben encamiñada cos 33 puntos que acumula ao peche da primeira volta. Se a segunda fose similar, os granates estarían na promoción de ascenso á Segunda División.
Os galegos deron un golpe de autoridade na casa dun rival que os tiña a tres puntos, co que o triunfo ten un valor engadido.
O Avilés foi totalmente superado polo Pontevedra, que plasmou esa superioridade co gol de Miguel Cuesta que abría a conta contra a media hora.
E, á volta de pausa, Víctor Eimil marcaba o 0-2 para felicidade dos siareiros desprazados a Asturias. Para redondear o triunfo, o dianteiro Compa tamén participaba co 0-3 que deixaba o encontro sentenciado, aínda que un penalti de Miguel Cuesta, que significou a expulsión do asturiano, deulle algo de incerteza ao desenlace. Pero entón apareceu inmensa a figura de Marqueta, que blocou o lanzamento para converter os 10 minutos de engadido nun mero trámite. O Pontevedra segue lanzado neste treito da temporada.