Aspas: "Necesitamos os canteiráns. Están dando un paso adiante"
Eloxiou o partido de Javi Rodríguez e Hugo Álvarez
Celebrou o apoio do celtismo: "Sentímonos coma na casa"
Iago Aspas, tótem do celtismo, eloxiou o partido de Javi Rodríguez e Hugo Álvarez no paraíso verde de Celtic Park. O equipo titular de Claudio Giráldez tiña cinco canteiráns: Aspas, Javi Rodríguez, Hugo Álvarez, Carreira e Burcio.
"A canteira está dando un paso adiante neste momento. Necesitámolos", resaltou o capitán, que chanceou sobre a recente ampliación de contrato ata o 2030 do heroe Javi Rodríguez: "Renovámolo a tempo. Se tivésemos agardado dúas semanas máis, sairíanos máis caro. Está a un nivel superlativo. Esperemos que dure moito".
O Celta gañou en Glasgow ante o Celtic (1-2) e asinou a primeira vitoria da tempada na Liga Europa. Uns tres mil celtistas presenciaron a remonta. "Non é doado ver tanta xente un xoves de finais de outubro nun percorrido tan afastado. Sentímonos como na casa dende o quecemento. Temos que darlle as grazas. Parabéns", afirmou Aspas.