O plan do polbo 26-27 tentará incrementar a pesca respectando o recurso
Despois da temporada pasada, marcada polas vedas e os paros biolóxicos, o polbo recupérase nos ecosistemas galegos
Responsables da Administración e das confrarías deseñan desde hoxe o plan de actuación para a nova temporada 26-27 do Plan do Polbo. A intención é volver restablecer a actividade pesqueira, pero sempre preservando o coidado da especie.
Despois da maior mingua de polbo detectada nunca en Galicia, xa hai cinco anos, por fin o sector é optimista sobre a recuperación da biomasa desta especie nas nosas costas. Tras anos duros, en que pasaron moitos meses sen pescar.
"Non lle fixo ben á economía da xente, porque se non hai saída non hai ingresos, pero ao recurso fíxolle moito be. E coido que cando se volva a unha estabilidade do tempo, as pescas van ser axeitadas", di José Manuel Rosas, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu.
Agora levan tamén case dous meses sen pesqueiras, forzados polos temporais. O ano pasado encadearon un mes de paro biolóxico financiado e dous de veda para facilitar a recuperación.
"Este é un tema que imos concretar co sector, cal vai ser o alcance da veda. Pero gustaríanos que fose o máis alongada posible porque a reprodución que se da nun ano repercute no recrutamento do ano seguinte", afirma Pedro Riveiro, subdirector xeral de Pesca
Comezaron hoxe as reunións para deseñar a estratexia dos próximos meses.