Publicador de contidos

Publicador de contidos

Portugal traslada á Xunta que a situación do pretroleiro incendiado "está controlada"

Portugal traslada á Xunta que a situación do pretroleiro incendiado "está controlada"

O cargueiro está pendente de que autoricen levalo a un peirao

O destino sería o porto de Leixões, pero antes debe certificarse que non hai perigo de verteduras

Nestes momentos crese que non hai lumes activos no buque, pero a temperatura interior segue a ser moi elevada

EP 23/03/2023 11:17 Última actualización 23/03/2023 15:57

O comandante do porto de Leixões, en Matosinhos, informou de que está á espera da decisión da entidade portuguesa que certifica barcos para saber se o buque petroleiro Greta K, incendiado fronte á costa do Porto, pode ser remolcado sempre que non exista risco de verteduras.

"Concluíu a primeira inspección técnica realizada pola fragata da corte real da Armada portuguesa a bordo do buque", relatou aos xornalistas o capitán Silva Rocha.

"Non hai lume activo"

Segundo dixo, durante a inspección visitáronse os distintos compartimentos do barco, onde este martes se produciu un incendio, e detectáronse temperaturas que requiren "máis análises".

"Non hai lume activo neste momento, pero pode haber un foco latente que estea a provocar valores que se están erstudando para entender o impacto en canto á decisión que se vai tomar", agregou.

O buque Greta K atópase a uns 20 quilómetros da costa, fronte ao porto de Leixões, asistido por dous remolcadores de porto, un bote salvavidas e un buque da Policía Marítima.

"Temos que tomar unha decisión rapidamente. Certificar e garantir que o buque non causará problemas de seguridade no porto de Leixões, e iso é o que avalía o Control do Estado do Porto", engadiu.

Se o remolque ata o porto de Leixões non se materializa, o buque deberá resistir en alta mar. "Terá que aguantar ata que acougue [o empeoramento do mar previsto] e poidamos tomar unha decisión", sinalou o capitán, cando se lle preguntou sobre o empeoramento do tempo.

"Non houbo ningunha vertedura"

En canto á existencia de verteduras, Silva Rocha garantiu que ata o momento non existiron e que non agardan que ocorran. "Non houbo ningunha vertedura desde o momento da ocorrencia ata o de agora, non se prevé que suceda", asegurou.

Sobre a orixe do incendio, o comandante apuntou que aínda non sabe "que pasou". Os 16 tripulantes da embarcación xa empezaron a prestar declaración no marco da investigación administrativa e técnica para entender que motivou o incidente. Estas pescudas, polo momento, están fóra do marco xudicial.

Silva Rocha tamén dixo que tanto o capitán do barco como dous oficiais permanecen a bordo da fragata portuguesa.

Segundo a Armada portuguesa, a alerta deuse ao redor das 15:30 horas do martes ao Centro de Coordinación de Procura e Salvamento Marítimo (MRCC) de Lisboa, da Armada, por un "incendio no petroleiro Greta K, con bandeira de Malta, que navegaba a unha milla e media da costa, a uns tres quilómetros, xunto á Praia dos Ingleses, en Foz do Douro, con 19 persoas a bordo, todas de nacionalidade filipina".

"Situación controlada"

Portugal trasladoulle á Xunta  que a situación "está controlada", así o indicou o presidente Alfonso Rueda na conferencia de prensa posterior á reunión do Goberno galego. Rueda afirmou que "está en permanente contacto" por motivos de "proximidade e posibles afeccións", así como pola "solidariedade" co país veciño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade