Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chamada á responsabilidade para non saturar o servizo de Urxencias

Chamada á responsabilidade para non saturar o servizo de Urxencias

O hospital Álvaro Cunqueiro atende de urxencia unhas 400 persoas diarias 

O Sergas aspira a vacinar contra a gripe o 60 % de menores de cinco anos

G24.gal 27/11/2022 12:29 Última actualización 27/11/2022 14:36

O aumento de urxencias pediátricas, que se duplicaron estes últimos días, é un indicador do que previsiblemente vai pasar coa poboación adulta nas vindeiras semanas.

Segundo a doutora Maite Mazas, xefa da unidade de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, as consultas por infeccións respiratorias seguen subindo, tanto en pacientes novos coma en doentes que xa teñen patoloxías previas. 

Respecto ás urxencias pediátricas, confirma que se dobrou o número de asistencias por iso hai máis ingresos, un dato que, asegura, adianta o que pode ocorrer coa poboación adulta en quince días.

"As urxencias de pediatría van uns 15 días por diante do noso pico de gripe. Con isto entendemos que é moi probable que nas próximas semanas haxa un aumento de asistencias. Pero como isto se diluíu un pouco o que nos preocupa de maneira substancial é que haxa moita asistencia durante moitas semanas todo o inverno, máis ca un pico puntual". 

Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, fai unha chamada á responsabilidade. Pide paciencia e non acudir a Urxencias salvo en caso necesario. Lembra que un cadro vírico e gripal pode provocar febre e problemas respiratorios leves durante unha semana sen máis consecuencias.

"Cando estamos tendo moitas máis asistencias das que somos capaces de atender, iso provoca atrasos na xente que consulta por calquera motivo. E ademais pode ocorrer que deamos unha resposta máis tardía a patoloxías nas que o tempo marca moita diferenza no prognóstico que vai ter o paciente. Iso é moi importante. Os servizos de Urxencias temos que estar ben dimensionados para poder darlle unha resposta á demanda que temos". 

Subliña que o importante é illarse das persoas de risco para non contaxiar e só ir a Urxencias cando hai febre moi persistente acompañada doutros síntomas, como dificultades respiratorias graves.

De acordo coa doutora, a saturación na atención primaria está levando ás Urxencias moitas persoas con patoloxías respiratorias que poderían ser atendidas nos seus centros médicos. Esta situación, salienta, pode empeorar nas próximas semanas co pico da gripe.

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo atende agora mesmo unhas 400 persoas diarias na área de Urxencias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos