O pequeno comercio de calzado denuncia a competencia desleal en Internet dalgúns fabricantes
En 2021 pecharon 9.000 tendas retallistas de calzado en España
As máis prexudicadas son as que venden calzado de multinacionais deportivas
O pequeno comercio de calzado lanza un SOS. No último ano, 9.000 zapaterías botaron o peche e 6.000 traballadores foron á rúa. Segundo denuncia a UPTA, algunhas marcas que eles mesmos venden fanlles competencia desleal en Internet.
"Algúns fabricantes fan ofertas e descontos online que son competencia desleal e afectan un colectivo que está pasando por momentos moi delicados", di o presidente da UPTA, Eduardo Abad.
"Non é nada nobre que nos vendan os zapatos aos grosistas, os poñas no escaparate, deas a coñecer o produto e que logo o vendan eles por outros sitios", lamenta José Antonio Seijas, presidente da Asociación Comercio Punto Compostela.
Os que máis o notan son os vendedores de calzado deportivo. Nalgúns casos a xente proba o produto na tenda e compra despois en Internet, na web das propias multinacionais ou en plataformas con rebaixas.
"Esas plataformas tributan deus sabe onde, teñen ganancias moito maiores e acaban queimando ao pequeno comercio", di Rosa Guillán Casas, de calzado deportivo Atmósfera .
Apelan á conciencia do consumidor para que aposte polas tendas de proximidade. Recordan que os comercios fan cidade, que hai moitos postos de traballo en perigo e que o trato directo marca a diferenza.
A falta de remuda xeracional ou o salto dado polas grandes marcas de roupa á fabricación de calzado, son outros dos motivos que explican o continuo peche de zapaterías nas nosas rúas.