O pederasta capturado en Arteixo ameazou con precipitarse ao baleiro no momento da detención
Segundo a Policía, amosouse "extremadamente violento" e tratou de fuxir polos tellados dun nun piso situado no barrio de Meicende
Vázquez Patiño, un dos fuxitivos máis buscados de España, está acusado de delitos continuados de agresión sexual a menores, cometidos entre 2012 e 2016
A Policía Nacional sinala que Daniel Vázquez Patiño, acusado de pederastia mostrouse "extremadamente violento" cando o detiveron na Coruña. Tentou fuxir polos tellados dun piso de Meicende, en Arteixo, e ameazou con atentar contra a integridade física dos axentes cun obxecto punzante "con precipitarse ao baleiro" desde o edificio.
Detallouno este venres nun comunicado no que explica que Vázquez Patiño estaba reclamado por delitos continuados de agresión sexual a menores, cometidos desde 2012 a 2016. Considerado un dos fuxitivos máis buscados, enfróntase a unha pena de 23 anos de prisión.
Catro anos de abusos facendo uso dunha violencia brutal
Os feitos polos que se buscaba ao fuxitivo remóntanse a 2012, ano en que comezou unha relación sentimental coa súa exparella. O prófugo convivía cos fillos menores de idade desta e a filla en común de ambos. Desde entón, a filla da súa exparella (menor de idade) sufriu reiteradas agresións sexuais.
Segundo a Policía, Vázquez Patiño "non dubidaba en facer uso dunha violencia brutal cando a vítima trataba de resistirse, chegando a proferirlle numerosos golpes na cabeza ata conseguir intimidala e dobregar a súa vontade".
Así mesmo, ameazábaa con matala a ela e a toda a súa familia se contaba algo e prohibíalle ter noivo, alegando que era súa.
Esta situación prolongouse ata 2016, ano en que a nai da vítima finalizou a relación co agora detido.
En 2014, aproveitando a visita dunha amiga da filla da súa exparella que quedou a durmir no domicilio, o fuxido meteuse de forma sorpresiva na cama da menor e, sen mediar palabra e facendo uso de violencia, agrediuna sexualmente.
Noutra ocasión na que a mesma menor volveu á vivenda para visitar a súa amiga, o prófugo volveu agredila aproveitando un momento no que quedou a soas con ela.
Un dos fuxitivos máis buscados de España
O fuxitivo foi condenado por estes feitos, pero non chegou a ingresar en prisión por atoparse en paradoiro descoñecido. Por este motivo, decretáronse as correspondentes ordes de procura para a súa detención e ingreso en prisión.
O prófugo tratou de eliminar todo rastro que puidese conducir ao seu paradoiro e utilizou a familiares que lle proporcionaron a cobertura necesaria, especialmente desde que foi incluído na campaña dos 10 fuxitivos máis buscados o pasado novembro.
Os axentes comprobaron que botou unha temporada en Pontevedra e que despois cambiou o seu domicilio ata a cidade da Coruña. Alí foi onde o detiveron, poñendo fin a unha busca iniciada dez anos atrás.