Clinton di que "non tiña nin idea" dos delitos de Epstein e que non fixo "nada malo"
Criticou que citasen a súa muller a declarar porque "ela non tiña nada que ver" co pederasta
Na súa comparecencia no Congreso manifestou que estaba alí polas nenas e mulleres cuxas vidas destruiu o magnate
Bill Clinton. Nancy Kaszerman / Europa Press (Arquivo)
O expresidente de Estados Unidos Bill Clinton afirmou este venres, ante un comité do Congreso dos Estados Unidos, que non coñecía os delitos que cometera o agresor sexual Jeffrey Epstein.
"Non tiña nin idea dos delitos que Epstein estaba a cometer. Non importa cantas fotos me mostren, hai dúas cousas que, ao final, importan máis que a túa interpretación desas fotos de hai 20 anos. Se o que vin e, máis importante aínda, o que non vi. Se o que fixen e, máis importante aínda, o que non fixen", asegurou.
Na súa intervención inicial, que fixo pública na súa conta de X, Clinton asegurou "non vin nada nin fixen nada malo" e engadiu "como alguén que creceu nun fogar con violencia doméstica, non só non voaría no seu avión se tivese a menor idea do que estaba a facer, senón que o denunciaría eu mesmo", asegurou.
Bill Clinton afirmou ademais que Epstein ocultou durante moito tempo o seu comportamento e que "para cando saíu á luz a súa declaración de culpabilidade en 2008, facía tempo que deixara de relacionarme con el".
Insistiu no seu compromiso coa verdade e asegurou: "estou obrigado polo meu xuramento a non especular nin adiviñar. Isto non é só para o meu beneficio, senón porque non lles serve de nada que eu faga de detective 24 anos despois".
"Non estivo ben que citasen a miña muller"
Antes de defender a súa inocencia, Clinton afeou ao comité que citara a súa muller Hillary malia que "ela non tiña nada que ver con Jeffrey Epstein. Nada. Non lembra coñecelo sequera. Non viaxou con él nin visitou ningunha das súas propiedades. Que citasen a 10 persoas ou a 10.000, incluíndoa a ela, simplemente non estivo ben". A exprimeira dama declarou este xoves diante do mesmo comité do Congreso dos EUA.
Na súa comparecencia tamén apelou ao seu compromiso coa democracia e asegurou que "estou aquí polas nenas e mulleres cuxas vidas destruíu e que merecen non só xustiza, senón sanación".