As paradas de Starna guían a vitoria do Parrulo en Pamplona (1-2)
O arxentino tivo unha noite espectacular e foi o mellor xogador sobre a pista
Gonzalo Santacruz anotou os dous tantos ferroláns, ambos na primeira metade
@CDXOTA
O Parrulo Ferrol rachou a súa xeira de cinco xornadas sen gañar e derrotou en Pamplona a Magna Osasuna cunha espectacular actuación do seu porteiro Mati Starna. O arxentino foi un auténtico muro sendo o seu concurso decisivo para o triunfo galego.
O partido comezaba con susto para os ferroláns porque no primeiro minuto de xogo Gabriel batía a Starna pero os colexiados anulaban o gol por falta previa sobre o porteiro arxentino. Reaccionaron os departamentais que se colocarían con vantaxe no marcador grazas a dous tantos de Gonzalo Santacruz. O partido estaba onde quería o equipo de Gerard Casas que soubo manter o resultado ata o descanso.
Na segunda metade a figura do cancerbeiro Mati Starna fíxose enorme. Xogando dese o minuto 8 coa ameaza do dobre penalti polas cinco faltas cometidas, o meta do conxunto ferrolán despexaba todos os disparos navarros ata que Linhares, cun dobre penalti, reducía diferenzas a 7 minutos do final. Un minuto despois os pamploneses desfrutaron de novo dun máximo castigo pero esta vez Linhares topaba coa intervención do porteiro arxentino. Un Starna que nos últimos minutos, xa cos navarros coa táctica de porteiro xogador, redondearía a súa actuación con catro novas intervencións salvadoras para os intereses do seu equipo.