Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Parlamento Europeo aproba tamén a rebaixa da protección ao lobo

O Parlamento Europeo aproba tamén a rebaixa da protección ao lobo

Con 371 votos a favor, 162 en contra e 37 abstencións, a Eurocámara deu luz verde á actualización lexislativa

A revisión da normativa simboliza en parte o cambio de rumbo da Comisión Europea que beneficia os agricultores

G24.gal 08/05/2025 13:20

O Parlamento Europeo aprobou este xoves que se rebaixe a protección do lobo na Unión Europea de "estritamente protexido" a "protexido", avalando unha proposta da Comisión Europea #ante a recuperación das poboacións do carnívoro, como xa fixeron os Estados membros a través do Consello da UE.

Con 371 votos a favor, 162 en contra e 37 abstencións, a Eurocámara deu luz verde á actualización lexislativa na normativa europea, que se fará efectivo automaticamente cando o Consello da UE aprobe oficialmente a revisión.

O cambio normativo busca aliñar a lexislación europea co novo status adoptado no Convenio de Berna, modificado a pedimento da propia Unión Europea, que solicitou e conseguiu que o status de protección do lobo fose rebaixado nese texto vinculante, pasando do Anexo II ao III.

Baixo o réxime do Anexo II está prohibida calquera forma de captura intencional ou de morte intencional -o que inclúe a caza-, así como a destrución ou a deterioración dos espazos de reprodución ou das áreas de descanso. Tamén está proscrito o comercio e a detención destes animais.

Pero co Anexo III as cousas cambian, xa que a regulamentación si que permite algunhas desas prácticas a condición de "manter a existencia desas poboacións fóra de perigo".

Os estados membros da UE, coa abstención de España, Polonia e Bélxica, xa validaran tamén o recorte de protección a ese carnívoro para outorgar máis flexibilidade aos países na xestión das poboacións.

Con todo, cada país seguirá tendo a posibilidade de manter un nivel de protección máis alto se así o considera necesario. España, xunto a outros países como Irlanda ou Eslovenia, liderou a campaña para manter a protección, a pesar de que varias comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León) meteran presión política e xudicialmente para que ao norte do río Douro se permitise abater lobos, dado o crecente número de ataques ao gando.

Finalmente, España tamén rebaixará o status de protección de lobo na súa lexislación interna, despois de que o Congreso aprobara en marzo que o canis lupus saíse da listaxe de especies protexidas mediante unha emenda do PP á Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario, que saíu adiante co apoio de Vox, Junts e PNV.

A revisión da normativa europea, criticada por organizacións ecoloxistas, simboliza en parte o cambio de rumbo da Comisión Europea en materia ambiental, e en particular o achegamento da súa presidenta, Ursula von der Leyen aos agricultores tras as protestas do ano pasado do sector agrario contra Bruxelas.

"As mandas de lobos nalgunhas rexións de Europa convertéronse nun perigo real, especialmente para o gando. Para xestionar de maneira máis activa estas concentracións críticas, as autoridades locais levan tempo pedindo maior flexibilidade", declarou Von der Leyen nun comunicado ao presentar a proposta. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade