Píxel á Feira converte Santiago na capital do videoxogo en galego e da cultura dixital
Organizado pola Deputación da Coruña, Píxel á Feira celébrase os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela
A programación da feira pon o foco na industria galega do videoxogo, preséntanse máis de 50 proxectos feitos en Galicia, encontros profesionais sobre educación, tradución e selo galego
Este sábado tamén se entregaron os premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña
Píxel á Feira é o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia. O encontro estase a celebrar desde primeira hora deste sábado e vai rematar na tarde de mañá domingo no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.
O pasado, o presente e o futuro desta industria en Galicia reúnese nun encontro organizado pola Deputación da Coruña; Píxel á Feira convertese no punto de encontro entre público, profesionais e novas xeracións de creadoras e creadores.
En total máis de cincuenta proxectos feitos en Galicia protagonizan unha mostra que combina exposicións, zona interactiva, charlas, concertos e torneos abertos a todas as idades.
O videoxogo: unha industria en crecemento e con futuro
Na inauguración deste sábado, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou “a importancia de que Santiago sexa tamén capital do videoxogo en galego” e subliñou “o valor educativo e cultural dun sector con enormes posibilidades de futuro”.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, salientou “a gran resposta do público desde as primeiras horas” e insistiu na necesidade de que “as persoas que traballan neste ámbito en Galicia conten con máis apoio administrativo para xerar un nicho de emprego de calidade”. O éxito que está tendo esta primeira edición afirmou Regueira que reafirma a vontade da Deputación da Coruña de impulsar unha industria en crecemento.
O comisario do evento, Iago Gordillo, puxo en valor “a creación de espazos de encontro que contribúan a consolidar e profesionalizar a industria galega do videoxogo”.
I Certame de Videoxogos en Galego
Este sábado xa se celebrou a entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que entregou os seus galardóns recoñecendo a calidade e diversidade dos proxectos presentados.
O premio ao Mellor Videoxogo foi para Numbra, de DigiPen Europe-Bilbao, “por ser un xogo que brilla en todos os seus apartados, visualmente fermoso, mecanicamente divertido, cunha ambientación distinguida e na que a narrativa e a arte van da man”.
O galardón ao Mellor Apartado Artístico recaeu en Cartas á Lúa (Mail to the Moon), de Michiños Fofiños, “polo seu carácter artesanal no visual, pola minuciosidade en detalles como a tipografía e pola fusión de estilos entre artistas que logran que o apartado artístico potencie a súa narrativa”.
O premio ás Mellores Mecánicas foi para Basureroes: Invasion, de Javs Game Studios, “pola súa proposta de acción equilibrada, pola boa execución das mecánicas e pola sensación de xogo fluída, destacando as distintas habilidades das personaxes e o seu modo cooperativo local de ata catro xogadores”.
Xurado dos premios
O xurado estivo composto por Eva Farto, programadora e divulgadora galega recoñecida polo seu labor podcaster; Ramón Méndez, docente e investigador da Universidade de Vigo con máis de dúas décadas de experiencia na industria e Isi Cano, doutora en Arte Contemporánea, creadora e docente especializada en videoxogos e deseño multimedia.
Exposición MUVI e Zona Arcade, dous dos espazos máis visitados
Entre os espazos máis visitados destaca a exposición do MUVI, Museo do Videoxogo de Galicia, que mostra pezas emblemáticas da historia do sector como The Wall (1986), coa presenza do seu creador, o ourensán Álex González.
A Zona Arcade e Torneos converteuse noutro dos puntos máis concorridos, con máquinas orixinais como Daytona USA (1993) e competicións de títulos clásicos e actuais como Tetris, Mario Kart 8 DX ou Street Fighter 6.
O evento conta cun programa diverso e participativo
A programación combina actividades profesionais e de lecer arredor do videoxogo: encontros sobre tradución e educación, presentacións de proxectos, e charlas divulgativas como a de El Barroquista sobre a relación entre arte e videoxogos, ou o concerto de Tiaviolí Gaming, que interpretou pezas clásicas de bandas sonoras con violín.
Tamén houbo espazo para o podcast Recuncho Gamer e para as actividades do Escenario DLC, un espazo participativo que acolleu obradoiros, demostracións e proxectos colaborativos impulsados pola comunidade galega.
Píxel á Feira continúa durante toda a xornada do domingo cunha ampla oferta para todos os públicos, que converte o Pazo de Congresos nun grande espazo de encontro arredor do videoxogo.
Todas as actividades son de acceso libre ata completar a capacidade, e os horarios completos poden consultarse en pixelafeira.gal.