Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Papa suplícalle a Putin que pare a guerra e alerta do risco nuclear

O Papa suplícalle a Putin que pare a guerra e alerta do risco nuclear

Animou o presidente ucraíno a "estar aberto a serias propostas de paz"

A bandeira ucraína volve ondear onde Rusia celebrou pseudorreferendos

G24.gal 02/10/2022 19:09 Última actualización 02/10/2022 22:05

O papa Francisco dirixiuse este domingo publicamente ao presidente de Rusia, Vladímir Putin, para que deteña a "espiral de violencia e morte" en Ucraína e expresou a súa preocupación polo risco dunha escalada nuclear no planeta.

"O meu chamamento diríxese, sobre todo, ao presidente da Federación Rusa, suplicándolle deter, tamén por amor ao seu pobo, esta espiral de violencia e de morte", dixo Francisco, dirixíndose por primeira vez en público a Putin, pero sen citar o seu nome.

O pontífice substituíu a catequese do Angelus por esta reflexión na que chamou o mundo a usar "instrumentos diplomáticos" para frear este "grave, devastador e ameazador" conflito e animou o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, a "estar aberto a serias propostas de paz".

Francisco, asomado á xanela do Pazo Apostólico, confesou a "profunda dor" que lle causan "os ríos de sangue e bágoas vertidos estes meses", as miles de vítimas, sobre todo infantís, e a destrución que deixou sen casa moitas familias.

"E que dicir do feito de que a humanidade se atope novamente diante da ameaza atómica? É absurdo. Que máis debe suceder? Canto sangue máis debe correr para que comprendamos que a guerra non é nunca a solución, senón só destrución?", cuestionou.

O Papa esixiu que se chegue "inmediatamente a un cesamento do fogo".

"Que calen as armas e se busquen as condicións para empezar negociacións capaces de levar a solucións non impostas coa forza, senón concordadas, xustas e estables".

Escalada nuclear

Así mesmo, deplorou vivamente "a grave situación creada nos últimos días con novas accións contrarias aos principios do dereito internacional", como a anexión rusa de catro rexións ucraínas, que Francisco non especificou.

Estas accións, ao seu parecer, "aumentan o risco dunha escalada nuclear ata facer temer consecuencias incontrolables e catastróficas a nivel mundial".

Francisco amosouse en todo momento preocupado polo conflito bélico, chegando a valorar unha viaxe a ese país. Nesta ocasión decidiu dedicar todo o Angelus a reflexionar sobre o problema, algo que ocorre de cando en cando, a última vez, en 2013 para pedir a paz en Siria.

Momento delicado

De momento, porén, as negociacións parecen estar moi lonxe, e o conflito atravesa un dos momentos máis delicados tras os pseudorreferendos e as anexións de territorio por parte de Rusia, a quen Chechenia alenta a usar armas nucleares de baixa potencia.

Unha petición que pretende frear o avance da contraofensiva ucraína, que lles deu dous golpes duros en menos dun mes aos rusos. O último esta fin de semana, ao recuperar a cidade estratéxica de Limán.

Zelenski confirmou que xa non queda ningún soldado ruso alí. O presidente de Ucraína asegura que esta semana os seguirán botando doutros puntos do Donbás, onde se volverán izar as bandeiras do país. Garantiu que acabarán recuperado todo o territorio, incluída Crimea, en mans dos rusos desde 2014.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade