O papa continúa coa fisioterapia respiratoria tras deixar atrás a fase crítica
A Santa Sé comunicou nas últimas horas que o pontífice continúa coa súa melloría, aínda que o cadro clínico segue sendo "complexo"
O tratamento mantén a osixenoterapia con fluxos altos a través dunha máscara de respiración e está a recibir fisioterapia respiratoria

O papa Francisco continúa co tratamento e a fisioterapia respiratoria, aseguraron fontes vaticanas este venres, cando cumpre 15 días ingresado no hospital Gemelli de Roma polos seus problemas respiratorios e despois de deixar atrás a fase crítica.
"Esta mañá, espertou, almorzou e le regularmente os xornais. Continúa co seu tratamento e a fisioterapia respiratoria que está a levar a cabo nestes días", explicaron as fontes.
O pontífice, de 88 anos e hospitalizado o pasado 14 de febreiro por unha bronquite con infección polimicrobiana á que se sumou unha pneumonía bilateral, pasou unha noite tranquila e está a descansar, informara previamente a oficina de prensa do Vaticano, despois de que o último parte médico deste xoves revelase unha nova melloría.
O pontífice "deixou atrás a fase crítica" na que chegou, explicaran onte fontes vaticanas, cun cauto optimismo, xa que o seu cadro clínico segue sendo "complexo" e o seu prognóstico permanece reservado.
O último boletín médico, que por segundo día consecutivo non incluía a referencia a un estado "crítico", indicaba que "as condicións clínicas do Santo Padre confírmanse tamén hoxe en melloría".
Tamén explicaba que o papa estaba "a alternar a terapia de osíxeno a alto fluxos coa máscara de osíxeno", que achega niveis máis reducidos ao paciente.
Francisco, de 88 anos, foi hospitalizado o pasado 14 de febreiro por unha bronquite con infección polimicrobiana á que se sumou unha pneumonía bilateral, un cadro que alarmou sobre todo pola súa idade e porque lle foi extirpado parte dun pulmón na súa mocidade.
A súa situación clínica segue sendo "complexa" e, por iso, o seu prognóstico permanece reservado e necesitaranse "máis días de estabilidade clínica" para esclarecer a evolución da súa saúde, polo menos terá que pasar esta fin de semana.