Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan unha agresión sexual a unha peregrina alemá en Abegondo

Investigan unha agresión sexual a unha peregrina alemá en Abegondo

O suposto agresor é un veciño de Aranga, que foi detido e quedou en liberdade con cargos

Vírano asexando polo albergue de Betanzos máis dunha vez e non descartan outros intentos

G24.gal 12/06/2025 14:35

Chegou ao albergue alterada, xusto pola dirección contraria á que veñen os peregrinos.

"Viña apresurada, correndo, cun acaloramento tremendo, medio chorando e atendeuna Cristina. Contoulle que sufrira unha agresión", confirma Demetrio Calviño, responsable do Albergue de Presedo.

Animárona a denunciar.

"Nós entendemos que debía denuncialo porque non sabemos se esa persoa tiña antecedentes ou podía facer máis ataques deste tipo", explica José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo. 

Contou que o home a enredou. Díxolle que ía mal e ofreceuse a levala no coche ata o Camiño. Unha vez dentro, desviouse da ruta e agrediuna.

Segundo ela mesma denunciou, fíxolle tocamentos e, ante a súa resistencia, tentou esganala. Por sorte, puido fuxir, e tivo o suficiente sangue frío para coller a matrícula. O suposto agresor é un veciño de Aranga, casado e con fillos. Xa o viran o día antes no albergue de Betanzos. 

"Era moi coñecido alí arredor e andaba sempre preto dos peregrinos, e debía de andar buscando xente desamparada nun momento determinado. Debeu facer un intento de achegamento e despois pasou o que pasou", comenta Demetrio Calviño.

O home quedou en liberdade con cargos e cunha orde de afastamento da vítima, que, por certo, xa marchou para o seu país. Unha decisión que deixa mal corpo.

"Tenta forzala e despois esganala, porque parece que el mesmo o recoñece, que poida quedar libre parece fóra de lugar, mesmo polo resto dos peregrinos", lamenta o responsable do albergue. 

Entre os peregrinos, dispárase a preocupación.

"Agora vas pensando máis, sobre todo, eu que lle dou mil voltas ás cousas, vou ir con máis coidado".

"Advertíronnos de que tivésemos máis coidado e que tratemos de ir sempre en grupo".

"Nalgunha zona que hai máis soa, imos todo o grupo xunto".

A muller estaba facendo o Camiño de Santiago por segunda vez. Viñera o ano pasado co fillo e esta vez quixo repetir soa, pero o recordo será ben diferente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade