Investigan un monitor de piscina de Marín por suposta agresión sexual a unha menor
O subdelegado do Goberno di que sospéitase que pode haber máis persoas afectadas
Arquivo
A Policía Nacional investiga un monitor da piscina do concello pontevedrés de Marín por unha suposta agresión sexual a unha menor.
A denuncia parte da familia dunha menor supostamente agredida, aínda que non se descarta que poida haber máis afectadas.
Os feitos producíronse hai uns días, pero non transcendeu ata que o presunto agresor, que estaba en período de formación na piscina, foi detido.
O investigado, ao que se lle considera o suposto autor dun delito de agresión sexual, pasou a noite nos calabozos da Policía Nacional en Pontevedra e pasou a disposición xudicial.
A Policía Nacional está a realizar aínda dilixencias de investigación para aclarar o ocorrido e xa tomou declaración a varias posibles testemuñas.
Ademais de aclarar os feitos, os investigadores tratan de determinar se existen máis posibles vítimas do mesmo agresor.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, comentou á prensa que este traballo policial desenvolveuse coa "máxima discreción" pola natureza dos feitos e avanzou que "se sospeita que hai varias vítimas".
Estas agresións producíronse, segundo Losada, desde o pasado mes de abril, a data na que esta persoa comezou a traballar na piscina municipal de Marín.
Tras manifestar a súa solidariedade coas vítimas e as súas familias, o subdelegado asegurou que entende a "conmoción" que este caso xerou no municipio, pero pediu "respecto" para as afectadas e para todos os usuarios destas instalacións deportivas.
A este respecto, apuntou que a intimidade de todas estas persoas "debe ser escrupulosamente respectada".