O Goberno envía unha carta ao Vaticano pedindo unha audiencia do papa con Sánchez
Na misa do domingo o papa recibirá o anel do pescador e o palio, símbolos do poder pontificio
.jpg)
O Goberno enviou unha carta ao Vaticano pedindo unha audiencia do papa, León XIV, co xefe do Executivo, Pedro Sánchez, segundo informaron a EFE fontes gobernamentais.
Na carta tamén se convida o papa a que faga unha próxima visita a España.
A solicitude de audiencia e a invitación cursáronse antes de que o vindeiro domingo se oficie a misa de inicio de pontificado de León XIV, que contará con máis de 150 delegacións internacionais.
Os reis encabezarán a delegación española, do mesmo xeito que no funeral polo papa Francisco do pasado 26 de abril.
Sánchez non estivo presente entón nin tampouco estará na misa do domingo, e por parte do Goberno asistirán a vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, e o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, que é o encargado das relacións co Vaticano.
Tamén haberá un posto nesa delegación para o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, que estivo presente igualmente no funeral polo papa Francisco.
Na misa do domingo o papa recibirá o anel do pescador e o palio, símbolos do poder pontificio.
Tras a elección de Robert Prevost como papa, o presidente do Goberno confiou en que o seu pontificado contribúa a fortalecer o diálogo e a defensa dos dereitos humanos nun mundo que dixo que necesita esperanza e unidade.
O Goberno confía en que o pontífice atenda a invitación para visitar España no futuro, unha visita que non realizou o papa Francisco.
Sánchez, na reunión que tivera con el no Vaticano o 11 de outubro do ano pasado, convidouno oficialmente a visitar as Canarias despois de que o pontífice expresaar o seu desexo de viaxar ás illas para estar "preto do seu pobo e os seus gobernantes" ante a crise migratoria, pero non puido concretarse finalmente.
Esa invitación trasladoulla no segundo dos encontros que tivo o xefe do Executivo co papa anterior, quen o recibiu no Vaticano por primeira vez o 24 de outubro de 2020.