Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda: "O Goberno ten a súa foto e os galegos marchan sen nada"

Rueda: "O Goberno ten a súa foto e os galegos marchan sen nada"

O presidente da Xunta lamenta a falta de acordos, do que culpa a Pedro Sánchez por "non querer votar as propostas"

O xefe do Goberno galego na comparecencia ao remate da Conferencia de Presidentes (EFE/ Quique García)
G24.gal 06/06/2025 16:26 Última actualización 06/06/2025 18:39

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou que a Conferencia de Presidentes terminase sen acordos, algo que atribuíu á postura do titular do Goberno, Pedro Sánchez, por "estar en contra de todas as propostas" das comunidades autónomas.

Nunha conferencia de prensa tras concluír a XXVIII Conferencia de Presidentes, celebrada no Palau de Pedralbes de Barcelona, criticou que este encontro fose unha "serie de monólogos" polo que "quizais o presidente teña a súa foto, pero os galegos vanse desta reunión sen absolutamente nada".

Aínda así, dixo crer que na cuestión da vivenda hai un "indicio de posibilidade de acordo" sobre o ofrecemento do Goberno de cofinanciar un plan coas comunidades autónomas ao 60-40 %, se "se flexibilizan as condicións de execución e os prazos" polo que avanzou que non renuncia a este consenso nun futuro de maneira bilateral.

Polo que respecta ao financiamento autonómico, insistiu en rexeitar a condonación da débeda se non vai acompañada dunha reforma do financiamento e criticou que Sánchez nin sequera dese resposta a esta reclamación ou á da convocatoria dun Consello de Política Fiscal e Financeira.

Rueda defendeu falar en castelán na Conferencia "por operatividade" e porque "era o adecuado", co que secundou a reclamación da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, sen entrar a valorar a súa ausencia durante as intervencións do lehendakari vasco e o presidente catalán.

O titular da Xunta iniciou o seu discurso na Conferencia de Presidentes "reivindicando a riqueza e o privilexio de ter dúas linguas", para despois pasar a falar en castelán "por operatividade" porque "prefiro que se me escoite directamente a que sexan trasladadas as miñas palabras a través dunha terceira persoa que está a traducir, non sei moi ben onde", explicou.

Sobre se o comportamento de Ayuso, ao ausentarse durante as intervencións anteriores en eúscaro e catalán, puido violentar a algún cidadán, Rueda limitouse a constatar que o que opine a xente "non me corresponde a min dicilo".

Do mesmo xeito que o resto de presidentes de comunidades autónomas gobernadas polo PP, Rueda reclamou a Sánchez un adianto electoral porque dado que "non é capaz de aprobar un orzamento" e con "todo o ambiente e todas as circunstancias que estamos a coñecer de carácter xudicial", sería "o mellor e o máis procedente, convocar eleccións e que os eleccións puidesen falar sobre o Goberno que prefiren".

A resposta de Sánchez a esta petición, que as eleccións serán en 2027, non supón "ningunha novidade", segundo Rueda, que reprochou que "unha cousa é o que lle interesa ao presidente do Goberno e outra, témome, o que lle interesa á maioría de españois e galegos".

Rueda foi moi crítico coa actitude do presidente, ao que el mesmo dirixiuse no momento final das preguntas para dicirlle se o feito de non someter nada a votación quería dicir que "non estaba de acordo con ningunha das propostas das comunidades autónomas, e literalmente díxome: si, iso é", reprochou.

O que si celebrou Rueda foi o anuncio de Sánchez dun fondos para colaborar coas comunidades nos custos da educación infantil, aínda que considerou "insuficiente" a cantidade proposta de 175 millóns de euros.

Pola contra, mantéñense as distancias en cuestión de inmigración, xa que a "case ameaza" do Goberno central de enviar 600 menores migrantes non acompañados a Galicia "crearía un problema moi grave para os servizos sociais e para os menores, que non poderían ser acollidos convenientemente", polo que insistiu en que haxa planificación, coordinación e financiamento.

O presidente galego expuso ademais reclamacións no ámbito da sanidade e a política social, para o cofinanciamento do sistema de dependencia; así como no ámbito das infraestruturas ferroviarias ou a planificación enerxética.

Pero a Conferencia de Presidentes volveu a ser como a anterior de Santander, "unha sucesión de monólogos cunha introdución previa do presidente do Goberno e unha nula vontade de chegar a acordos", resumiu Rueda.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade