Rueda lamenta "non poder chegar a todas partes" na visita á Caridade, unha das zonas máis afectadas
O presidente da Xunta coñeceu de primeira man a situación en que están os veciños, algúns quedaron sen casa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse este mércores á Caridade, no concello ourensán de Monterrei, un dos máis afectados polos incendios.
Acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou aos veciños da aldea, a quen, en moitos casos, o lume deixou sen fogar ao alcanzar algunhas das casas da localidade. A Caridade foi uns dos puntos críticos na provincia ourensá os últimos días, co lume devorando vivendas, naves, coches e animais.
O presidente da Xunta coñeceu de primeira man algúns destes casos xa que os veciños trasladáronlle a súa situación persoal na visita.
"Non puidemos chegar a todas partes"
O xefe do Executivo autonómico esta mesma mañá nunha entrevista concedida a Cuatro admitiu que na vaga de incendios “non puidemos chegar a todas partes” polo que, dixo, comprende "o enfado da xente e a angustia". Con todo, asegurou, que a prioridade do dispositivo de extinción de incendios sempre foi "protexer" as vilas e os seus veciños.
Doutra banda, insistiu en que unha vez extinguidos os incendios, “toca o tema das reparacións e as axudas” e lembrou que a Xunta xa está a traballar coa intención de poñelas en marcha a próxima semana.
Confiou tamén en que a situación mellore xa que en Galicia “baixaron as temperaturas e iso axuda" porque ofrece "unha xanela de oportunidade” na loita contra o lume.