O Panteón de Galegos fai unha homenaxe a Alfredo Bañas polo 125 aniversario da súa morte
Ao acto asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral dá Lingua, Valentín García, ademais de familiares do escritor e intelectual galeguista

O Panteón de Galegos e Galegas Ilustres acolleu esta mañá unha misa de homenaxe a Alfredo Brañas con motivo do 125 aniversario do seu falecemento.
Ao acto asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, ademais de familiares do escritor e intelectual galeguista.
Os asistentes depositaron tres coroas de flores: unha da Xunta de Galicia, que deixaron aos pés da tumba de Alfredo Brañas o conselleiro e o secretario xeral; outra da Fundación que leva o nome do escritor e xurista, e outra do partido Popular de Galicia.
"Queremos referendar o compromiso da Xunta cun galeguismo moderado, integrador. Brañas defendía que Galicia tiña que ocupar un espazo central na política nacional e, ademais, facíao pedindo tamén a descentralización do poder político", dixo o conselleiro aos xornalistas.
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a Alfredo Brañas como unha das figuras máis influentes de finais do século XIX e precursor do rexionalismo galego da época.
"Isto nos leva a que determinadas figuras como puideron ser Brañas, teñan actualidade hoxe, xa que defendía que Galicia tiña que ocupar un espazo central na política nacional e que ademais o facía pedindo a descentralización do poder político", afirmou José López Campos, conselleiro de Cultura.
Os restos mortais de Alfredo Brañas depositáronse no ano 1906 no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.