Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferido grave un gandeiro de Cuntis que recibiu a cornada dun boi

Ferido grave un gandeiro de Cuntis que recibiu a cornada dun boi

O ferido foi evacuado para recibir atención médica urxente no complexo hospitalario de Santiago de Compostela

G24.gal 30/07/2025 13:48

Un gandeiro de 61 anos foi ferido grave este mércores ao levar a cornada dun boi en Cuntis (Pontevedra).

O suceso produciuse na parroquia da Ermida, segundo confirmaron os servizos municipais de emerxencias.

Dous veciños, alertados polos seus berros de auxilio, foron os primeiros en asistilo e deron aviso ás autoridades.

Ata o lugar dos feitos desprazáronse efectivos dos servizos de emerxencias de Cuntis, persoal do Concello e o propio alcalde, Manuel Campos, quen tamén colaborou activamente nas tarefas de evacuación.

Debido á complexidade do terreo, o ferido tivo que ser trasladado en padiola uns cincocentos metros ata o punto onde esperaba o helicóptero de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

O gandeiro estaba cos seus animais na leira, na parroquida da Ermida, en Cuntis, cando sufriu o ataque do boi. O seu veciño Serafín, que estaba preto coas cabras, escoitou os berros da vítima.

"Setinno berrar e marchei alá e o boi tíñaou ao lado. Fun apartar o boi e a vaca e saqueino para arriba", conta.

Serafín avisou outro veciño, Javier, que acudiu tamén a socorrer á vítima.

"Fun pola parte de alá, xa baixei no tractor, e atopo a Manolo tirado. Tiña moita dor, aínda nos dixo se o podiamos mover e non o fixemos para non estropealo máis e chamei a Protección Civil", di Javier.

"E cando chegamos alí xa o sacara para arriba. O boi botóuno polo aire varias veces. O boi seguía estando agresivo e a el custáballe moito respirar estaba bastante fastidiado", lembra Cristina, de Protección Civil.

A rápida intervención dos servizos de emerxencias e dos veciños foi clave no rescate.

"Se non é por Serafín estaría morto, destruído porque o becho non saíra de enriba del e Manolo non tiña máis forza para moverse", lembra Javier.

Despois de recibir asistencia médica no lugar do suceso, trasladárono en helicóptero ao Hospital Clínico de Santiago, onde permanece na UCI.

Para evitar situacións coma esta, os veterinarios recomendan extremar as precaucións cando os touros están alterados, escaravellan e baixan a cabeza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade